DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inseridos no Campus Crea, centraranse na impresión 3D, a robótica e a gamificación

A Vicerreitoría impulsa unha serie de obradoiros sobre a aplicación didáctica das novas tecnoloxías

Con inscrición gratuíta, desenvolveranse entre xullo e novembro na Aula Tecnolóxica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 11/06/2019

Afondar na aplicación das novas tecnoloxías tanto no ámbito da docencia como da innovación constitúe o propósito central dos obradoiros que, no marco das actividades do Campus Crea, a Vicerreitoría do campus organiza entre os meses de xullo e novembro na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. Dirixidos ao alumnado, neste programa de Obradoiros de novas tecnoloxías insírense dous talleres sobre impresión 3D e de dous cursos sobre o uso da robótica e da gamificación como ferramentas docentes, todos eles de 20 horas de duración e con inscrición gratuíta, que pode realizarse na plataforma Culturxest.

 “A idea é ofrecerlles diferentes posibilidades ao alumnado das distintas titulacións do campus”, explica José María Cancela, director da Área de Infraestruturas do campus, destes catro obradoiros, “que serán impartidos por profesionais de diferentes ámbitos”. Nesta serie de obradoiros de novas tecnoloxías figuran por unha banda dous cursos de nivel intermedio, os de robótica e gamificación, que dan continuidade aos talleres que a Vicerreitoría impulsou o pasado outono, “dado os bos resultados que tiveron”. A estes súmanse dous novos talleres sobre impresión 3D dirixidos a que o alumnado “poida ver a aplicabilidade que poden ter diferentes ferramentas informáticas e de deseño no ámbito docente e tamén no profesional”. 

Trasladar á ensinanza as dinámicas de xogo

A primeira destas actividades en desenvolverse, entre o 17 e o 24 de xullo, será o taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na didáctica educativa, un obradoiro centrado nunha técnica de ensinanza que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo coa finalidade de conseguir mellores resultados na aprendizaxe. Coñecer os principios da gamificación como unha forma innovadora de ensinanza, afondar nas motivacións do xogo e desenvolver de xeito práctico unha “experiencia gamificada” serán algún dos obxectivos deste taller.

Tres propostas máis tralo verán

Xa en setembro, esta serie de actividades continuarán co curso Iniciación ao deseño e impresión 3D no ámbito educativo, dirixido a achegar a persoas sen experiencia previa neste eido os coñecementos necesarios para comezar a entender e utilizar a impresión 3D con diferentes finalidades. Dotar ao alumnado dunhas primeiras nocións sobre impresión 3D, así como sobre o software a empregar para o deseño de pezas son algúns dos obxectivos que persegue o taller que se desenvolverá do 25 de setembro ao 3 de outubro, mentres que do 10 ao 18 de outubro terá lugar un segundo taller sobre impresión 3D que permitirá, entre outros contidos, afondar na impresión en 3D, coñecer a impresión FDM ou abordar tanto posibles problemáticas xurdidas no traballo práctico como as técnicas de posprodución.

Por último, do 4 ao 12 de novembro levarase a cabo o curso de nivel intermedio de Robótica educativa, dirixido a estudantes con nocións básicas neste eido que queiran ampliar os seus coñecementos, aprendendo a programar con Arduino, coñecendo a arquitectura dos sistemas baseados neste sistema e noutras contornas ou familiarizándose co manexo de sensores.