DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrada nos programas Europa Creativa e Europa dos Cidadáns, terá lugar este xoves 7

A Vicerreitoría promove unha xornada sobre as oportunidades de financiamento comunitarias no eido creativo e cultural

Dirixida a investigadores e investigadoras, empresas e institucións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/11/2019

Dous programas da UE, Europa Creativa e Europa dos Cidadáns, e as oportunidades de financiamento que supoñen para o desenvolvemento de proxectos culturais, audiovisuais ou centrados na cooperación centran a xornada que a Vicerreitoría do campus promove este xoves 7 de novembro xunto coa Oficina Europa Creativa e o Punto Europeo de Ciudadanía. Inserida nas actividades do Campus Crea, esta xornada, con inscrición previa, está dirixida tanto aos investigadores e investigadoras da Universidade como a empresas do ámbito das industrias culturais e creativas e a representantes doutra serie de institucións, organizacións ou asociacións.

“O que queremos é dalgunha forma informar á comunidade universitaria e aos demais axentes daqueles programas da Unión Europea que poden ser interesantes para o campus”, salienta o vicerreitor Jorge Soto, dunha iniciativa que se insire na serie de presentacións que a Oficina Europa Creativa e o Punto Europeo de Ciudadanía, dous órganos dependentes do Ministerio de Cultura e Deporte, desenvolven por diferentes puntos de España. De feito, trátase da primeira xornada de presentación do programa Europa Creativa que se desenvolve na Universidade de Vigo e a segunda que ten lugar en Galicia. Nese senso, Soto pon o acento que as diferentes subliñas que engloba este programa “son absolutamente acaídas para o Campus Crea”, xa que se centran “en ámbitos nos que traballamos desde hai anos”, motivo polo que esta xornada busca tanto dar a coñecer as súas diferentes convocatorias como contribuír “a xerar músculo dentro do Campus Crea” e potenciar o xurdimento de novas iniciativas.

Programas dirixidos á cooperación entre socios de varios países

Destinado a impulsar as industrias culturais e creativas no período 2014-2020 e dotado dun orzamento de 1460 millóns de euros, Europa Creativa engloba á súa vez os programas Cultura e Media, este último centrado especificamente nos proxectos audiovisuais. Christian Solanas, representante da Fundación Cultural Oficina Media España, será o encargado de informar neste acto das posibilidades de financiamento que Media pode supor para iniciativas como a produción ou difusión audiovisual, a formación ou a organización de festivais. O coordinador da Oficina Europa Creativa en España, Augusto Paramios, centrarase pola súa banda no programa Cultura, e máis en concreto, nunha das súas liñas, a destinada a cooperación. Trátase, como engade a técnica de promoción de I+D+i Loli Docampo, dunha liña centrada “en proxectos de cooperación que deben reunir socios dun mínimo de tres países, que poden ser ademais de diferentes perfís; institucións, empresas, asociacións...”.

Paramios, como responsable do Punto Europeo de Ciudadanía, será igualmente o encargado de presentar á comunidade universitaria o programa Europa dos Cidadáns, destinado a impulsar a participación da sociedade na vida democrática da UE a través de plans e actividades que promovan un coñecemento da historia e os valores de Europa. Impulsado tamén para o período 2014-2020 e dotado dun orzamento global de 185 millóns de euros, o programa engloba diferentes subliñas vinculadas á memoria histórica europea, redes de cidades ou proxectos da sociedade civil e está dirixido tamén a iniciativas que reúnan socios de diferentes países.

Presentación de experiencias desenvolvidas en Galicia 

A xornada completarase coa presentación dunha serie de proxectos desenvolvidos en Galicia que obtiveron ou solicitaron financiamento no marco destes programas. Ese é o caso por exemplo de Gender Identity: Child Readers and Library Collections, G-Book, un proxecto liderado pola universidade italiana de Boloña e no que participa a Universidade de Vigo. A catedrática do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Veljka Ruzicka será a encargada de falar desta iniciativa, que é ademais o único proxecto seleccionado na convocatoria de Europa Creativa no que participa a institución viguesa. A este exemplo sumaranse os casos de Wom@rts, impulsado polo Auditorio de Galicia do Concello de Santiago, e Silops.eu, unha iniciativa da Fundación Uxío Novoneira. Por último esta serie de presentacións completaranse coa experiencia do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que tamén solicitou financiamento deste programa, aínda que o seu proxecto non foi seleccionado.