DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mercedes Martínez da FFT impúxose no certame do Grupo Compostela de Universidades

Un vídeo dunha investigación sobre a accesibilidade aos medios en Galicia gaña o III Research Pitches Contest 

A tese procura mellorar o subtitulado para persoas con perda auditiva en Galicia e galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 20/05/2019

A docente e investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Mercedes Martínez está a traballar na súa tese de doutoramento “co obxectivo último de mellorar a cantidade e calidade do subtitulado para persoas xordas e con perda auditiva en Galicia e galego, así como empregar este modo de accesibilidade a medios de comunicacións para a promoción e aprendizaxe de linguas”, explica. A investigadora non deixou pasar a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo a un público internacional e así chamar a atención sobre Galicia e a súa lingua, para o que decidiu elaborar o vídeo A accesibilidade aos medios en Galicia (Media Accesibility in Galicia) e participar con el no III Research Pitches Contest organizado polo Grupo Compostela Universidades. 

“Primeiro foi a redacción do monólogo, para o cal teño a sorte de que Ana Pereira sexa a miña directora, e despois viñeron as partes máis complexas: gravar e editar. A gravación fíxena co móbil colocado enriba duns libros nunha mesa e eu en fronte axeonllada, intentando encadrarme da mellor maneira posible (un espectáculo). A edición, outro show: engadir portada, cortar o vídeo, reducir o tamaño do arquivo sen perder calidade de imaxe… Logreino tras moitos tutoriais de Youtube e páxinas web”, detalla a doutoranda. Todo este esforzo tivo a súa recompensa e Mercedes Martínez converteuse na gañadora da terceira edición do certame convocado polo Grupo Compostela Universidade, ao que concorreron 16 traballos de investigadoras e investigadores de universidades de España, México e Perú. “Podes imaxinar a alegría e o alivio de que todas esas horas de gravación e montaxe, de desesperación e frustración, a maioría cando os aparatos e programas non colaboraron, foron recompensadas ao rematar o vídeo e aínda máis ao recibir o premio”, asegura a docente da FFT, que ve no premio un pulo á motivación para seguir a traballar na súa tese.

Un recoñecemento para unha realidade pequena e descoñecida

 Pero máis aló do recoñecemento persoal ao seu traballo, Merce Martínez destaca que o premio (1000 euros) que lle outorga o Grupo Compostela Universidades “valora un tema moi delimitado centrado nunha realidade pequena e descoñecida para moitos no estranxeiro, a sociedade a lingua galegas, pero un proxecto cuns resultados que, unha vez acadados, poden acadar beneficios alén do ámbito rexional ou nacional”. Coa súa investigación, a docente da FFT procura, ademais de mellorar a cantidade e calidade do subtitulado para persoas con perda auditiva en Galicia e galego, empregar este modo de accesibilidade a medios de comunicación para a promoción e aprendizaxe de linguas. “Para acadar este fin, estou traballando na creación da primeira norma de subtitulado en lingua galega para xordos, que actualiza e mellora os puntos débiles da vixente norma nacional de SpXm, de xeito principal baseada no castelán, malia ser aplicable a todo o territorio e idiomas nacionais”, explica a investigadora.

O vídeo Media accessibility in Galicia co que Mercedes Martínez gañou o III Research Pitches Contest do Grupo Compostela Universidades está subtitulado, salvo o principio, que carece de son, “coa intención de somerxer ás espectadoras e espectadores na realidade dunha persoa con perda auditiva á hora de visualizar un produto audiovisual sen accesibilidade”, sinala a docente.

Traballos de Vigo, México e Sevilla, premiados na terceira edición do concurso

O traballo da investigadora da Universidade de Vigo competiu con outros quince vídeos chegados de España, México e Perú na terceira edición do Research Pitches Contest, no que o segundo premio foi para Claudia Margarita Fernández da Universidad de Guadalajara (México) cun traballo titulado A realidade virtual como ferramenta para o deseño de contornas físicas inclusivas e o terceiro para o investigador da Universidad de Sevilla Miguel Frasquet que participou co vídeo Recuperación solar mellorada de petróleo

Os diplomas dos premios entregaranse no marco da XXV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades o 4 de xuño en 2019 en Guadalajara (México).