DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O laboratorio de fotónica localízase na EE de Telecomunicación 

Vigo convértese na sexta universidade española en dispor dun laboratorio para medidas de circuítos integrados fotónicos 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/02/2020

50 metros cadrados que albergan equipos de medida en lonxitudes de onda ópticas (1,3-1,5 micras), tanto para circuítos formados por compoñente discretas, como para medidas de circuítos integrados fotónicos (PICs), cunha estación manual de puntas para caracterización e testeo, converten á Universidade de Vigo na sexta institución académica de España en dispor dun laboratorio para medidas de circuítos integrados fotónicos. “Os PICs son circuítos nos que os compoñentes miden micras e o mesmo dispositivo cabe nun chip duns milímetros de alto e ancho. Na actualidade estanse a destinar grandes recursos ao seu desenvolvemento en telecomunicacións, pero os PICs atopan ademais ámbitos de aplicación onde as súas vantaxes de reducido tamaño, volume e consumo fan destes chips dispositivos axeitados para acadar mellores prestacións como sensores, en vehículos autónomos, metroloxía, computación cuántica…”, detalla Francisco Javier Díaz-Otero, docente e investigador do centro atlanTTic da Universidade de Vigo e responsable do laboratorio de fotónica. 

A Universidade de Vigo conta con outras instalacións de medida de dispositivos integrados, pero non para circuítos integrados fotónicos, o que obrigaba ao persoal investigador da institución académica viguesa a recorrer a medidas en laboratorios estranxeiros ou en centros de investigación alleos, coa perda, tanto de tempo, como económica, que supón, “por non mencionar oportunidades perdidas por non poder publicar resultados das medidas obtidas”, explica Díaz- Otero. Cun custo superior aos 100.000 euros, financiados na súa maior parte con cargo á convocatoria do ano 2018 do procedemento para a concesión de axudas para a adquisición de equipamento científico técnico, o laboratorio de fotónica localízase na aula B010 da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e no seu interior alberga equipos que permiten medir parámetros, características e prestacións de PICs e setups discretos ópticos en tecnoloxías Si (silicio), SiN (nitruro de silicio) e InP (fosfuro de indio), os elementos fundamentais nos que se basean os chips. “En concreto a estación está preparada para medidas en onda continua (DC), radiofrecuencia (RF) e frecuencias ópticas que oscilan miles de billóns de veces por segundo”, sinala o responsable do laboratorio, que incide na necesidade que teñen as e os investigadores do ámbito da fotónica en coñecer as características dos circuítos, “non só no seu comportamento a frecuencias ópticas, senón tamén a frecuencias máis baixas, onde se localizan as radiofrecuencias e que nos permiten coñecer parámetros de comunicación para TV, radio ou microondas”.

atlanTTic , unha referencia nos estudos sobre fotónica 

A posta en funcionamento deste laboratorio permitirá ás e os investigadores de atlanTTic, en especial aos do grupo COM (Antenas, radar e comunicacións ópticas), desenvolver o seu traballo con maior calidade e comodidade. “O grupo COM conta na actualidade con dous doutorandos nacionais e catro europeos, dentro da acción Marie Curie de Redes Europeas de Formación (ITN) Edify, destinado á formación de investigadores en fabricación de PICs en InP. Ademais este ano incorporaranse outros a través do ITN Integrated Photonics for the next generation of autonomous Vehicles using InP technologies (DRIVE-In), para aplicacións dos PICs en vehículos autónomos”, detalla Díaz- Otero. O responsable do laboratorio lembra que a nova instalación está a disposición, non só, dos investigadores de atlanTTic, senón a de todo o persoal investigador da Universidade que requira destes servizos e das dotacións do laboratorio, que conta coa estación de puntas de proba do fabricante MPI Corporation, modelo de familia TS200A; mesas ópticas para a instalación de circuítos discretos e distintos equipos de medida (osciloscopios dixitais de catro canais – 4 GHz, analizador de espectro óptico e medidores de potencia).

Nun principio as investigacións en PICs desenvolvidas na Universidade de Vigo centrábanse en dispositivos de ciberseguridade para redes de telecomunicacións ou redes de datos de alta capacidade e en redes de comunicacións cuánticas, pero aproveitando a bagaxe das e dos investigadores de atlanTTic a actividade estase a diversificar cara aplicacións de seguridade (digital fingerprints), esprectroscopía Raman e sensorización (bio, lidar).