DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o sábado 28 este torneo internacional

O VIII Memorial Ramón Escudeiro Tilve reunirá preto de 100 xadrecistas no campus

A inscrición permanece aberta ata o día anterior á súa celebración

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 19/12/2019

O vindeiro sábado 28 de decembro, o aberto internacional de xadrez VIII Torneo Ramón Escudeiro Tilve disputarase por primeira vez no campus pontevedrés. Concretamente, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde a Escola Xadrez Pontevedra (EXP) agarda reunir preto de 100 xadrecistas chegados desde diferentes puntos de España. Trátase dunha competición na modalidade de xadrez rápido, que se disputa polo sistema suízo de nove roldas e que ata o venres 27 manterá aberta a súa inscrición, como explicou o xerente do club, Pablo García, na presentación que este xoves tivo lugar na sede da Vicerreitoría.

Inserido na colaboración da Escola Xadrez Pontevedra e a Universidade de Vigo, o torneo, que conta tamén coa colaboración do Concello de Pontevedra, ten xa confirmada a participación de grandes mestres como o serbio Aleksa Stricovic ou o búlgaro Vladimir Petkov, así como do deportista do EXP-Universidade de Vigo Rubén Fernández, que neste 2019 convertíase no primeiro xadrecista galego en lograr unha medalla nun mundial, neste caso na categoría sub14, “precisamente nunha modalidade de xadrez rápido”, como lembrou García, que presentou esta competición xunto co vicerreitor do campus, Jorge Soto. “Para a Universidade e para a Vicerreitoría é un auténtico pracer poder acoller este torneo internacional”, salientou Soto, que subliñou nesta presentación a aposta da institución académica polo xadrez, entendido “como unha forma de convivencia e de entendernos máis aló do deporte”. Nese mesmo senso, García puxo de relevo o positivo de que o “torneo insignia da escola”, que busca ademais ser unha homenaxe “a un exemplo de superación e un dos deportistas máis laureados da historia de Pontevedra”, Ramón Escudeiro, “vaia ter esta presenza na Universidade, a través da Vicerreitoría e da propia facultade”, xa que, lembrou, Escudeiro Tilve, falecido en 2012, foi alumno do campus, concretamente da Facultade de Fisioterapia.

Ademais de xadrecistas chegados desde diferentes puntos de Galicia e España e no marco tamén das sinerxías entre a EXP e a Universidade, a oitava edición deste memorial, que repartirá 2000 euros en premios, contará coa participación de alumnado do Programa de Maiores, que conta desde este curso cunha materia de xadrez, con García como profesor. “Moitos dos alumnos van participar por primeira vez nunha proba oficial de xadrez neste torneo”, sinalou García, que destacou tamén “o innovador” de que unha competición de xadrez rápido, na que as e os participantes iranse medindo en sucesivas partidas simultáneas ao longo de toda a xornada, “se dispute nunha pista de atletismo”, como a situada no interior de Ciencias da Educación e do Deporte.

Homenaxe a un “exemplo de superación”

Este aberto internacional de xadrez serve tamén para render homenaxe a Ramón Escudeiro, un xadrecista invidente que, como lembrou García, acadou “impresionantes logros deportivos”, como unha medalla de bronce nun mundial, o “récord nacional de partidas simultáneas, do que vai facer agora dez anos” ou o récord mundial de resistencia que logrou pouco despois, tras “estar máis de 12 horas xogando contra diferentes rivais á vez”. Pero máis aló dos seus éxitos deportivos, aos que se suma a medalla que acadou nun mundial de judo para invidentes, Ramón Escudeiro “é un exemplo de capacidade de superación, de loita contra a adversidade”, sinalou García, un aspecto no que tamén incidiu o vicerreitor do campus. “Ramón Escudeiro significa moitos dos valores que aquí queremos traballar, como a capacidade de superación, de sacrificio, de entenderse coa xente”, salientou Soto, que incidiu así mesmo na importancia de que o campus sexa sede “de torneos de ámbito internacional tan importantes coma este”.