DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves 21 en Torrecedeira e o vindeiro 10 de decembro no Marco

A violencia machista institucional e a súa presenza na narrativa galega, nas derradeiras sesións

O último faladoiro contará coa participación de María Reimóndez, Eli Ríos e Ledicia Costas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI 20/11/2019

Os faladoiros Bibliolab naceron da man da Unidade de Igualdade da Universidade como un punto de encontro para analizar e dar a coñecer os contidos dalgúns dos libros que abordan a temática da violencia machista. O ciclo arrancou en Vigo e tras pasar por Ourense e Pontevedra regresa agora na recta final a Vigo. Este xoves a partir das 18.00 horas, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais acollerá o penúltimo faladoiro, titulado Cómplices. A violencia machista institucional, no que intervirán a socióloga experta en xénero Iria Villar, a profesora da Universidade de Vigo Carmen Verde e Monse Vilar, representando á Libraría Lila. 

O ciclo regresa no mes de decembro coa derradeira sesión no museo Marco o día 10 de decembro, lugar no que botou a andar no mes de setembro. Neste faladoiro analizaranse tres libros da narrativa galega actual que abordan diversas manifestacións da violencia machista. Para iso, o coloquio contará coas súas autores, tres escritoras de recoñecido prestixio e comprometidas coa igualdade, como son Ledicia Costas, con Infamia; María Reimóndez con A dúbida e Eli Ríos con Remexido de patacas. Estes tres títulos son obras moi diferentes entre si que tratan temas como o abuso sexual a menores, a violencia machista no eido da parella ou os secuestros e desaparicións, entre outros aspectos. A mesa redonda estará coordinada pola tamén escritora Andrea Barreira.