DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis deportistas internacionais achegaranse ao campus a contar as súas experiencias

Visibilizando o deporte feminino de alto nivel

Será nunha mesa redonda que terá lugar o día 26 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 18/06/2019

Visibilización en positivo! Rachando o teito de cristal dende o deporte. Con este título preséntase unha mesa redonda de experiencias que terá lugar  o día 26 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. A cita reunirá a seis deportistas internacionais de alto nivel e de diversas modalidades co obxectivo de valorizar o deporte feminino.

A cita, que terá lugar ás 11.00 h na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro, está organizada polo profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa Millán Brea e conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE. Nela, seis destacadas deportivas “compartirán as súas experiencias a nivel profesional no deporte feminino” nunha actividade que quere ser “unha oportunidade para preguntar, debater e interesarse pola situación actual do deporte feminino a nivel profesional”, tal e como destacan desde a organización.

Na xornada participarán Vane Sotelo, de fútbol sala, xogadora do Alcorcón FSF, internacional, campioa de Europa 2019 e bota de ouro nos mundiais de Costa Rica e Guatemala; Anair Lomba, xogadora de fútbol do Valencia CF, ex-xogadora do FC Barcelona e do RCD Espanyol, profesional dende o ano 2006; María Vilas, nadadora olímpica en Río 2016 e bronce no Campionato de Europa 2016; Iria Grandal, olímpica en tiro con arco en Londres 2012 e subcampioa de Europa por equipos 2012; Alba Rodríguez, internacional, xogadora do Auriense Fútbol Gaélico, campioa de Europa 2018 con Galicia e campioa da Copa Shield 2016, e Yolanda García, internacional en ximnasia acrobática, campioa de España en diversas categorías e participante en campionato do mundo desta modalidade.