DUVI

Diario da Universidade de Vigo

240 estudantes de programas de intercambio da UVigo permanecen no estranxeiro

Vivir a pandemia nun país alleo

Dende Taiwán, Corea do Sur, Macedonia, Eslovaquia ou Polonia, relatan a súa experiencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 24/04/2020

Uns porque decidiron non regresar e outros porque, cando quixeron facelo, xa non puideron. 240 estudantes da Universidade de Vigo seguen, a día de hoxe, fóra de España continuando o curso nas súas facultades de acollida. A pandemia da COVID-19 alterou inevitablemente os seus plans de completar a súa formación académica e persoal noutro país e a maioría deles están vivindo un confinamento, en diferentes graos dependendo da gravidade da situación en cada país, e seguindo o curso con clases virtuais e traballos titorizados. Outros 215 alumnos da UVigo si regresaron á casa e agora completan o cuadrimestre seguindo, dende España, a docencia en liña das súas universidades de acollida.

Seis deles contan ao Duvi como están vivindo esta situación excepcional e que os levou a quedarse no seu destino ou a regresar á casa.

Paula Rosalía Losada, en Taipei

Paula Rosalía Losada é unha das alumnas que está vivindo a crise sanitaria dende a outra punta do mundo, en Taipei, onde está dende setembro. Coruñesa e estudante de Comercio en Vigo, explica que continúa alí pola súa propia decisión. “En Taiwán dende o primeiro minuto tomáronse todas as medidas precisas para frear o virus e, de feito, hai moi poucos casos, non temos corentena e seguimos cas clases presenciais”. Na súa universidade de acollida, a National Taiwán Normal University, continúa o curso con normalidade, unha normalidade claramente condicionada polo virus, xa que a institución regala mascarillas para a comunidade educativa e, como engade Losada, “os profesores infórmannos de forma moi habitual sobre os casos”.

Polo tanto, a súa situación dista moito da que estaría vivindo en Galicia, e lembra que no país asiático “a xente está moi tranquila; iso si, todo o mundo con mascarillas e nos restaurantes e bares non te podes sentar en calquera sitio, poñen unha mesa de separación entre cada persoa ou grupo de persoas”, medidas que poderían adiantar o que sucederá en España nos próximos meses. De feito, recoñece que os seus pais están “moi contentos e tranquilos de que eu estea aquí, debido a todas as boas medidas que adoptan”. A volta á Coruña tena prevista para o 22 de xullo, pero coa incerteza de se nese momento se poderá voar.

Andrés Rey, dende Macedonia

Andrés Rey continúa na cidade de Stip, en Macedonia. Cursa 3º de Educación Primaria e comparte residencia dende comezos de curso con outros oito compañeiros españois. “Seguimos aquí por decisión propia”, explica, xa que tras ver como se ían anulando voos e falar coa embaixada “concretamos que a mellor opción é agardar a que a situación mellore”.

En Macedonia o confinamento propúxose un pouco máis tarde que en España, “pero pouco a pouco comézase a optar polas mesmas medidas de seguridade e hixiene en todos os ámbitos. As nosas horas de confinamento son de 16.00pm ata as 6.00am, polas mañás os supermercados e comercios de consumo esencial atópanse abertas. As fins de semana, polo contrario, non se pode saír a ningunha hora. Isto aquí lévase con tranquilidade e polo momento a xente non compra cantidades desmesuradas, o cal permite un bo abastecemento, temos papel hixiénico dabondo (polo momento)”, chancea.
 
Na súa residencia tan só quedan os estudantes españois e procuran facer o posible para amenizar o confinamento. “Tratamos de non caer nunha rutina aburrida para levar todo o mellor posible, xa sexa inventando xogos, facendo manualidades, competicións, moito Netflix,... a verdade é que estamos sacando nosa versión máis creativa”. Con todo, e a pesar das chamadas e videoconferencias coa familia e os amigos, recoñece que a experiencia na distancia “é dura pero tamén somos conscientes da oportunidade que temos de aprender e crecer fóra da nosa zona de confort e temos que aproveitala”.  No que respecta á situación académica, Rey apunta que as clases continúan en liña ou con proxectos titorizados polos profesores, pero tamén engade que unha situación “tan repentina e sen precedentes” provoca que “os docentes estean bastante perdidos e pouco organizados en canto a este tema”. Agardan regresar a España a comezos do verán e envían ánimos “a todos os que esteades confinados e aburridos nas vosas casas”.

Diego Mosquera en Eslovaquia

Diego Mosquera, estudante de Economía, tamén continúa no seu destino, a cidade de Bratislava (Eslovaquia) dende o primeiro cuadrimestre. “Decidín quedarme porque sabía que era a mellor opción e quería gozar dos últimos meses desta experiencia”. Moitos dos seus compañeiros regresaron a España pensando que nun mes poderían volver e, de feito, arredor do 90% dos estudantado estranxeiro regresou á casa. Con todo, Mosquera apostou por resistir, “en España a situación era bastante peor e as recomendacións por parte do Goberno e da Embaixada eran de permanecer no destino e, en ningún momento, tiven pensado volver”. Durante este tempo continuaron as clases telemáticas, un sistema que ao principio era “complicado”, pero que foi mellorando co tempo. “Temos materias nas que as clases son en liña e outras son totalmente pola nosa conta seguindo unhas indicacións”.

A situación en Bratislava “é máis tranquila e está máis controlada”. O país contabiliza arredor de 1000 infectados”, pero nas primeiras semanas, cando todo o alumnado regresou, “apenas había 20-30 casos”. De feito, puntualiza o alumno, “en ningún momento prohibiron saír, pero obviamente si que recomendaban extremar as precaucións”. Dende hai un mes, relata, as tendas, salvo as esenciais, están pechadas e o uso de mascarilla obrigatoria implementouse case dende o principio para transporte público e locais. Agora xa son obrigatorias salvo na casa ou, no seu caso, no cuarto da residencia”. Tamén hai preto dunha semana se estableceron horarios para a xente de máis idade nos supermercados e minimizar o risco. En cambio, si teñen permitido practicar deporte ou dar un paseo, sempre con mascarilla. 

Na residencia na que vive tan só quedan uns poucos estranxeiros “e cada vez estase indo máis xente”. Chamadas e videochamadas permítenlle non ter tanta sensación de estar lonxe da casa. Explica que a súa familia estao levando ben “porque saben que estou perfectamente e todo parece bastante controlado e seguro”. Pola contra, recoñece estar preocupado por eles, “levan máis dun mes de confinamento e a situación en España é complicada”. Agarda poder regresar nas datas que tiña pensadas dende o principio, entre o 10 e 15 de xuño, se é posible. 

Mencía González, en Polonia sen pode regresar

Mencía González, estudante de Relacións Laborais e Recursos Humanos está en Szczecin, Polonia, dende o primeiro cuadrimestre. No seu caso, permanecer alí non é unha escolla persoal, xa que regresar implicar ter que renunciar ao Erasmus, “polo que tería que cursar as materias que estou estudando aquí no segundo cuadrimestre na UVigo. Esta opción é inviable xa que é posible que algunhas delas xa se impartisen no primeiro cuadrimestre “. Nese caso, tan só podería optar por ir á recuperación ou cambiar a matrícula e cursalas noutro ano. Explica que, tanto ela como a UVigo, se puxeron en contacto coa Universidade de Szczecin para solicitar que se valorase a opción do regreso a España, “pero a xustificación é que se fai para evitar contaxios á hora de regresar, no caso de ter que volver a Polonia a realizar algunha proba presencial”.  Ademais, Mencía González remarca que este non é un criterio unificado nas universidades de Polonia, polo que considera que existe unha discriminación “con respecto a todos os estudantes que si puideron regresar e, incluso outras compañeiras da UVigo que se atopaban noutras universidades polacas”.

Mentres continúa alí vive cunhas restricións semellantes ás de España, pero algo máis permisivas na mobilidade dentro da cidade. “Podemos saír a dar un pequeno paseo un máximo de dúas persoas xuntas e cunha distancia de seguridade de dous metros e o uso de mascarilla é obrigatorio en lugares públicos”. González está nunha residencia, da que sae unha vez á semana a facer a compra e tan só está en contacto con compañeiros na cociña. “Nesta situación preferiría estar coa miña familia e amigos”, recoñece, “intento facer videochamadas pero boto de menos a súa compañía e apoio, creo que dende a casa se vive de forma máis levadeira”. Mentres, segue en contacto co profesorado por correo e a docencia desenvólvese por vía telemática, “aínda que non todos os profesores fan uso dela”, puntualiza. 

Marta Fernández Ferreira, en Seúl

Marta Fernández Ferreira é estudante de 2º en Tradución e Interpretación e está en Seúl dende setembro. Alí viviu en primeira persoa o inicio da pandemia, xusto cando estaba a piques de comezar unha viaxe por Vietnam e Myanmar con amigos e lembra como a primeira vez que empregou mascarilla foi xusto de camiño ao aeroporto. Puideron gozar das vacacións entre finais e xaneiro e febreiro, xa que o segundo cuadrimestre arranca en marzo. Durante a viaxe “o número de infectados en Corea do Sur era soamente duns 30”, pero a finais de febreiro, cando ían regresar “ocorreu o suceso da paciente dunha seita relixiosa na cidade de Daegu, que chegou a infectar a máis de 1000 persoas”. Este feito situou durante unhas semanas a Corea do Sur como o segundo país con máis casos despois de China. De regreso a Seúl e tras dúas semanas de confinamento, comezaron as clases en liña. Con todo, e a pesar da preocupación da súa familia e amigos decidiu quedar en Corea, “confiaba moito en como o país podía xestionar o virus, e non errei”, recorda. De feito considera que está “no mellor lugar do mundo para estar vivindo esta pandemia, e estou moi agradecida por iso”. Mostra diso, explica, é que non se decretou o confinamento “debido á enorme conciencia social que existe entre os coreanos, e iso facilitou moito o non ter que chegar a tomar medidas tan extremas como en España”.  Con todo, e aínda que se pode saír á rúa sen restricións, si é o obrigatorio o uso de mascarillas e a desinfección das mans para entrar en moitos lugares. Para facer a distribución deste material de protección persoal, explica Marta Fernández, implantaron un sistema de racionamento de modo que, relata, “os luns, todos aqueles que teñan os números 1, 2, ou 3 como último díxito do seu ano de nacemento, poderán ir o luns á farmacia a por mascarillas para esa semana, e así sucesivamente. Por exemplo, se naciches en 1994 poderás ir os martes”.  

O cuadrimestre completarase de xeito virtual e os exames parciais serán a modo de traballo ou de exame oral. “Honestamente, os profesores están facendo un esforzo enorme; algúns deles cóntannos que deben comprar softwares sobre impartir clases en liña. Un deles, contounos, que realmente para poder preparar un curso en liña precísase dun ano”. Cando rematen as clases e a avaliación agarda poder regresar e, aínda que algún dos seus amigos españois xa mercaron os billetes de avión, ela decidiu agardar “para ter máis certezas, e se a situación segue mellor aquí, probablemente permaneza un tempo máis”. 

José Antonio Iglesias, de regreso en Galicia

Un dos que decidiu regresar é José Antonio Iglesias, estudante de Administración e Dirección de Empresas, que se atopaba de Erasmus en Mannheim, Alemaña, dende comezos do curso. Deixou o seu piso compartido, igual que o fixeron os seus compañeiros, a pesar de que naquel momento a situación era relativamente tranquila con respecto a España. “Podíamos saír a dar paseos e facer a compra sen ningún problema de xeito individual” pero, con todo, apostou por regresar pola “preocupación e nervios” que sufría a súa nai dende Venezuela, angustiada pola perspectiva de que quedase só no apartamento. Recoñece que é “un pouco frustrante que todo se cortase tan de repente, tería sido un grande ano e tiña moitos proxectos, especialmente este cuadrimestre, na Universidad de Mannheim”, láiase, pero engade, haberá que “seguir para adiante”.