DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancou este mércores cunha obra da aula teatral da USC

A vixésimo segunda edición da Miteu volve traer ao campus a maxia do teatro

As representacións prolongaranse ata o vindeiro 30 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 05/03/2020

A maxia do teatro regresou esta semana ao campus de Vigo e fíxoo co arranque no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria da vixésimo segunda edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu. O espectáculo chegou da man da Aula de teatro da Universidade de Santiago de Compostela que puxo en escea a obra En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic.

Con textos e posta en escena de Roberto Salgueiro, e un reparto formado por Inma Fernández, Irene Penela, Marta Casais e Antía González, a obra, estreada en Compostela o pasado mes de decembro, trouxo ao campus os traxes de baño, un pequeno aperitivo do verán en pleno inverno que, para disgusto do público, non se prolongou máis dos arredor de 45 minutos que durou o espectáculo.

As bruxas de Salem, o 18 de marzo

As representación da Miteu continuarán o 18 de marzo con As bruxas de Salem, obra orixinal de Arthur Miller, adaptada por Olga Magaña e que será interpretada por un grupo de estudantes de 3ºB de Interpretación Textual e 3º de Escenografía da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Pola súa banda, o grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, representará o 1 de abril Imperator, unha dramaturxia do seu director Fernando Acosta na que se adentra nun mundo de post-verdade no que os grandes señores mudaron argumentos por imbecilidades e no que a intelixencia e o pensamento crítico pasa a ser cousa de culturetas e as institucións democráticas convértense en palacios de emperadores.

O resto de obras concentraranse xa na última semana do mes de abril.