DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con inscrición gratuíta, desenvolveranse o xoves 24 de outubro

Unhas xornadas reivindicarán no campus o papel da comunicación na loita contra a violencia machista

Coa participación de Laura Seara, Pilar Aguilar ou José María Calleja 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 10/10/2019

Aprobado en 2017 no Congreso dos Deputados, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero incide na crecente importancia dos medios de comunicación e dos contidos audiovisuais na configuración e interiorización do sexismo, así como na necesaria implicación das e os profesionais da comunicación na aplicación de boas prácticas en materia de violencia machista. Dar a coñecer a importancia do audiovisual nos procesos de socialización e transmisión de valores, analizar as dinámicas a través das que se constrúe o sexismo e pór sobre a mesa respostas profesionais que contribúan a garantir a protección dos dereitos das mulleres son os obxectivos centrais das xornadas Comunicación, igualdade e violencia contra as mulleres, que o 24 de outubro se desenvolverán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A escritora e crítica de cine e televisión Pilar Aguilar; o xornalista e escritor José María Calleja; a xornalista e responsable do Observatorio de la Imagen de las Mujeres, María Jesús Ortiz, ou a ex-secretaria de Estado de Igualdade Laura Seara son algunhas das conferenciantes que participarán nestas xornadas con inscrición gratuíta.

Organizadas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo xunto coa organización Enclave Feminista, estas xornadas buscarán así mesmo explicar porque o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero “centrou parte das súas medidas en comprometer ás empresas e profesionais dos medios e do audiovisual para implicalos desde a perspectiva da responsabilidade social na loita contra o sexismo, xa que este é o caldo de cultivo deste tipo de violencia”, como salienta a consultora Ángeles Álvarez, coordinadora das xornadas. Promovidas a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia transferiu á Universidade, o foro ten tamén entre os seus obxectivos “incitar aos docentes e ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a introducir a perspectiva de xénero nos seus traballos”, como engade a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez.

Dos estereotipos á información sobre violencia machista

Profesionais do xornalismo “que estudaron e analizaron as dinámicas de comunicación e violencia, así como expertas en análise cinematográfico” e docentes “que traballan especificamente a discriminación no sector da comunicación”, serán as e os protagonistas, como apunta Álvarez, dunha xornada que abrirá a conferencia A ficción audiovisual, unha maquinaria de fabricar misoxinia, a cargo da ensaísta, investigadora e crítica Pilar Aguilar, “un referente na visión crítica feminista dos produtos culturais cinematográficos no noso país”, como salienta Gómez. A continuación, o xornalista, escritor e profesor da Universidad Carlos III de Madrid José María Calleja, redactor xefe de CNN+ entre 1999 e 2010, afondará en como informar sobre violencia machista. Por outra banda, Elena Ocampo, representante da Asociación de Xornalistas Galegas, presentará nesta xornada un estudo sobre a presenza de mulleres expertas en diferentes materias nos medios de comunicación.

Xa pola tarde, a xornada continuará coa conferencia na que a profesora da facultade e vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, contraporá a presenza maioritaria das mulleres entre o alumnado das titulacións do eido da comunicación coa súa presentación en cargos de responsabilidade nas empresas ou co papel que as profesionais desenvolven nos medios. O programa complétase cun relatorio sobre estereotipos de xénero de María Jesús Ortiz, xornalista especializada en comunicación e xénero e responsable do Observatorio de la Imagen de las Mujeres do Instituto de la Mujer para la Igualdad de Oportunidades, así como cunha mesa de debate na participarán que Laura Seara, ex-secretaria de Estado de Igualdade, consultora de xénero e avogada, Águeda Gómez e a Ángeles Álvarez, que participou como relatora na subcomisión do Congreso dos Deputados para a elaboración deste pacto de estado. “Entre as tres faremos un repaso ao exposto, centrándonos principalmente as recomendacións”, explica Álvarez desta última mesa, na que tamén abordarán a importancia outorgada á comunicación no pacto.