Medidas extraordinarias e urxentes  para o desenvolvemento da organización docente no curso 2020/2021 en caso de crise sanitaria

UVigo - Comunicación 19/06/2020

O carácter presencial da docencia e o normal desenvolvemento no espazo físico dos campus das actividades académicas, deportivas, culturais... é un dos signos de identidade dunha institución pública como a Universidade de Vigo. Pero esa presencialidade e ese normal desenvolvemento das actividades requiren unhas determinadas condicións de seguridade para a saúde e a vida de todos os membros da comunidade universitaria.

O xoves 12 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia acordou unha serie de medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia da covid-19. Unha destas medidas foi suspender desde o luns 16 de marzo as actividades académicas no ensino universitario (apartados primeiro d) e sexto do citado acordo). Dous días máis tarde, o 14 de marzo, o Consello de Ministros declarou, mediante o Real decreto 463/2020, o estado de alarma, unha situación provisional e excepcional que, tras sucesivas prórrogas concedidas polo Congreso, se mantén hoxe en todo o territorio do Estado.

Esta grave e inédita situación obrigou a reorganizar toda a actividade docente dos títulos en curso para adaptala ás novas esixencias da «non presencialidade». O profesorado, coa colaboración e co esforzo de todos os órganos, dos centros e das unidades da nosa universidade, conseguiu o obxectivo nun tempo récord. Así, ao longo da segunda quincena de marzo e dos meses de abril e maio, o estudantado da Universidade de Vigo tivo acceso a unha docencia virtual (a través da ferramenta de teledocencia Faitic e de Campus Remoto) por medio da cal puido continuar a súa formación académica nunhas condicións razoables, próximas ás propias da irrenunciable modalidade da docencia presencial.

A principios de xuño de 2020 é imposible predicir con certeza cal vai ser o escenario de saúde pública á volta do verán, cando comece o vindeiro curso 2020/2021. É responsabilidade de toda a comunidade universitaria contribuír a que recuperemos a presencialidade sen os atrasos indebidos e nas óptimas condicións de seguridade para a saúde e a vida de todas as persoas. E é competencia do Consello de Goberno da Universidade de Vigo, ao abeiro do artigo 16 b) dos Estatutos, anticiparse a todos os posibles escenarios e sentar, segundo a situación, as directrices para o desenvolvemento da actividade académica durante o vindeiro curso.

Tres ideas deben presidir esta decisión. En primeiro lugar, ter sempre como horizonte desexado a volta á presencialidade académica nas condicións homologables ás existentes antes do 12 de marzo e segundo o que estaba previsto nas guías docentes e das titulacións. Calquera outra situación debe considerarse necesariamente excepcional e transitoria. En segundo lugar, que cada paso e cada decisión se adopte cun escrupuloso respecto ás medidas que sexan precisas para un desexable marco de seguridade para a saúde e para a vida dos membros da comunidade universitaria. E, en terceiro lugar, que tal como recolle o artigo 37 dos Estatutos, en todos os casos e en todas as modalidades de docencia (presencial, mixta ou non presencial), a responsabilidade de todos os aspectos relacionados coa organización e coa xestión da docencia recae sobre os centros en coordinación cos departamentos. Neste sentido é preciso deixar claro que o Consello de Goberno, lonxe de tentar imporlles aos centros e aos departamentos un modelo de organización único da docencia, o que desexa é facilitarlles que se dean as condicións e os requisitos necesarios para que poidan adaptar á súa actividade docente ás peculiaridades e ás necesidades de cada título.​​​​

1. Na Universidade de Vigo, a actividade docente exclusivamente presencial poderá, de xeito extraordinario e temporal, verse modificada coa finalidade de garantir a saúde ou a seguridade públicas, e dar lugar así a unha modalidade mixta e incluso verse substituída por un modelo de actividade docente non presencial.  

2. Sen prexuízo do que se indicará respecto da modalidade non presencial, a modalidade mixta activarase mediante resolución reitoral sempre que as autoridades diten unhas medidas sanitarias que así o exixan. Nesta modalidade, o estudantado combinará as actividades docentes presenciais e non presenciais na proporción, na forma e no alcance que cada centro considere adecuado nun marco de coherencia coas memorias das titulacións, axustándose sempre á presencialidade máxima posible e en función das recomendacións feitas ao respecto desta modalidade de docencia polo Ministerio de Universidades para o curso 2020/2021.

3. Para facer efectivo o indicado no punto anterior, a Reitoría proverá os centros dunha solución técnica que inclúa o uso simultáneo das aulas físicas e das aulas virtuais, na que tanto o estudantado presente no centro coma o ausente poidan ter acceso síncrono ás presentacións feitas polo profesorado e interactuar en pé de igualdade. Os centros deberán establecer as quendas que garantan un reparto equitativo do estudantado, así como os criterios para definilas e os mecanismos para que este coñeza coa antelación suficiente a posibilidade de asistir ás clases de xeito presencial.

4. A Reitoría porá á disposición dos centros unha solución informática para comunicar e difundir que estudantes poden asistir presencialmente en cada data da programación dos horarios, segundo a organización deseñada polo centro, que garanta, en todo caso, a igualdade no acceso das persoas matriculadas ás actividades da docencia presencial, e que teña en conta as condicións particulares do estudantado con necesidades educativas específicas (PIUNE).

5. Establecerase asemade unha dotación básica para as aulas físicas, de xeito que sexa posible difundir as clases en modo síncrono desde estas a través de campusremoto.uvigo.gal. Para tal efecto substituirase o uso do encerado normal por un virtual, que poida ser visualizado polo estudantado non presente na aula no contorno de Campus Remoto.  

6. En particular, en función da dispoñibilidade orzamentaria, poderanse definir plans adicionais vinculados a determinados obxectivos de docencia innovadora para algunhas titulacións, que permitirán reorganizar tanto o espazo físico coma a dotación informática nun certo número de aulas para garantir axeitadamente a implantación das propostas e co acceso ás seguintes melloras, ademais das básicas indicadas, de ser o caso:

  • Melloras adicionais para as aulas e os laboratorios docentes nas infraestruturas ligadas á docencia, en particular, nas aulas destinadas á docencia mixta, incluídos o hardware e o software.  
  • Mellora de aulas informáticas do centro.
  • Adquisición de materiais docentes para partillar entre o estudantado (fundamentalmente manuais).
  • Programas informáticos especializados e substitución das prácticas físicas por virtuais. 
  • Remodelación da páxina web do centro.  
  • Axudas á creación de contidos dixitais en distintos formatos.

7. Unha vez decretado o peche dos centros docentes por resolución reitoral, a actividade docente continuará a impartirse de xeito non presencial mediante Campus Remoto e preverase asemade o uso da plataforma de teledocencia Faitic como reforzo e sen prexuízo doutras medidas que se poidan adoptar para garantir a accesibilidade do estudantado aos contidos docentes. Durante estes períodos os centros deberán adaptar os horarios para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar do profesorado.  

8. No caso descrito no punto anterior, garantirase que o profesorado conte coas ferramentas informáticas  adecuadas para impartir a docencia de xeito virtual, polo que se debe ter en consideración que aquel profesorado que non dispoña destas poida impartir a docencia desde o seu centro de traballo, se as condicións sanitarias o permiten. Se isto non fora posible, proporcionaráselle o acceso aos medios necesarios para desenvolver a súa actividade docente non presencial, que poden ser os do seu propio despacho e que poderá recoller cunha autorización de acceso puntual. Así mesmo, poranse en marcha axudas á conectividade para o estudantado que o precise.

9. Tanto no caso do paso á modalidade da docencia mixta descrita no punto 2, como á modalidade non presencial considerada no punto 7, os centros, en coordinación cos departamentos, serán os responsables de todos os aspectos relacionados coa organización e coa xestión da docencia, tal como recolle o artigo 37 dos Estatutos.

10.  Durante os períodos de docencia mixta ou non presencial, o profesorado poderá gravar de forma voluntaria as súas sesións docentes, co fin de que o estudantado que teña problemas de conectividade, de dispoñibilidade limitada de equipos informáticos ou de conciliación da vida familiar poidan acceder a elas de xeito asíncrono.

11.  As gravacións con fins docentes no contorno das plataformas de teledocencia propias da Universidade de Vigo que inclúan a voz ou a imaxe do profesorado non se poderán utilizar posteriormente e/ou con finalidades distintas, salvo que conten co seu consentimento expreso. En calquera caso, garantirase o dereito á propia imaxe do estudantado e do profesorado e os dereitos da propiedade intelectual sobre as eventuais gravacións rexeranse polo disposto na lexislación nacional na materia e na normativa propia da Universidade de Vigo. 

1. O profesorado planificará as clases prácticas en calquera espazo docente dos campus considerando que é  imprescindible desenvolver parte destas de xeito presencial, de ser o caso, e que parte se pode substituír por actividades non presenciais (vídeos docentes, laboratorios virtuais etc.) e tentando, na medida do posible, axustar as prácticas esenciais máis dificilmente substituíbles aos períodos nos que estean en activo as modalidades presencial e mixta.

2. No que atinxe aos laboratorios docentes, cando non sexa posible gardar a distancia de seguridade, as prácticas só se poderán levar a cabo se se cumpren escrupulosamente as indicacións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais en canto ao uso do material de protección (EPI) do profesorado e do estudantado vixentes durante o período da súa realización. Os centros controlarán o cumprimento destas indicacións e organizarán, de ser necesario e na medida do posible, a reordenación dos espazos docentes para garantir as distancias de seguridade.

3. Os laboratorios docentes considéranse esenciais para o correcto desenvolvemento dos contidos e representan un valor diferencial daquelas titulacións cun perfil máis técnico. Polo tanto, na medida das posibilidades orzamentarias, os presupostos dos laboratorios docentes non se verán minguados e autorizarase incorporar aquel equipamento e aquel material que permita adaptarse ás novas condicións sanitarias. 

As prácticas externas deberán desenvolverse en condicións de seguridade, de autoprotección e de distanciamento físico e en función da normativa vixente e do estipulado no correspondente Convenio de cooperación educativa. Durante os períodos de docencia mixta ou non presencial, poderán desenvolverse total ou parcialmente baixo a modalidade telemática. 

1. Na convocatoria de matrícula, no que atinxe á docencia en liña, informarase ao estudantado da eventual gravación da súa voz ou da súa imaxe, que se levará a cabo, de ser o caso, sempre na contorna e coas ferramentas virtuais propias da Universidade de Vigo, coa indicación das finalidades docentes para as que é necesaria a dita gravación, que resultará voluntaria. En caso de negativa, o estudantado poderá acceder á aula virtual como oínte, desactivando a cámara e o micrófono, e participar a través do chat público.

2. O emprego con fins docentes no contorno de Campus Remoto ou das plataformas de teledocencia propias da Universidade de Vigo das eventuais gravacións que inclúan a voz ou a imaxe do estudantado durante o curso académico no que se leven a cabo, non precisará do seu consentimento, que se lle deberá solicitar con anterioridade, no entanto, para autorizar usos posteriores e/ou finalidades distintas.

3. Na convocatoria da matrícula informarase o estudantado da posibilidade de gravar probas de avaliación oral, así como do posible uso por parte do profesorado durante as probas de avaliación, dos medios audiovisuais que faciliten certo control da súa voz e/ou da súa imaxe, incluídos a cámara e o micrófono do seu móbil persoal, de ser preciso. 

1. A estrutura das guías docentes manterase sen modificacións, agás a inclusión dunha addenda que considere tanto a impartición da docencia coma a avaliación non presencial, que se deberá basear no material docente ao que o estudantado poida ter acceso sen restricións. A universidade, a través dos centros, procurará que ese material sexa o máximo posible, e solicitará as axudas pertinentes para tal efecto. As addendas enviaránselle desde os centros, antes do 15 de xullo de 2020, á Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado, que llelas remitirá á Secretaría Xeral de Universidades e á ACSUG.  

2. Ademais, deberanse establecer sistemas de avaliación alternativos para as actividades de campo, de laboratorio e as outras prácticas, que se aplicarán se houbese a imposibilidade de realizalas presencialmente por causa de forza maior. 

1. A Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado, a través da Unidade de Formación e Innovación Educativa, fará unha proposta de cursos urxentes durante os meses de xuño, xullo e setembro, para a actualización voluntaria do profesorado na docencia non presencial, especialmente orientada a mellorar a docencia e a avaliación en liña.

2. Durante o curso 2020/2021 establecerase un itinerario formativo en docencia e en avaliación en liña en función das necesidades dos centros e dos departamentos, que será voluntario para o profesorado. Nas actividades que integren o itinerario procurarase unha oferta suficiente para cubrir a demanda de prazas por parte do profesorado. 

1. Todos os centros da Universidade de Vigo participarán na fase piloto do protocolo establecido polo Sergas que vén de publicar a Consellería de Educación e aspirarán a cumprir todos os aspectos incluídos na Guía de recomendacións para unha universidade segura. A este respecto, ademais das medidas centralizadas, cada centro deberá aprobar un plan de prevención e control do centro (PPCC) específico. Para tal efecto, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) elaborará un PPCC modelo, que será adaptado ás peculiaridades de cada centro polo equipo decanal ou directivo. Os PPCC de cada centro serán aprobados polo SPRL e posteriormente referendados pola Xunta de Centro. Tras a súa aprobación final polo Comité de Seguridade e de Saúde Laboral da universidade, procederase á súa publicación e á súa difusión.

2. A Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, a través dun encargo á Unidade Técnica, elaborará un plan de circulación para cada un dos edificios docentes que estará á disposición de cada equipo decanal ou directivo a finais de xuño, para que procedan á súa adaptación.

3. Cada centro designará unha persoa interlocutora co Servizo de Prevención de Riscos Laborais e coa Dirección Xeral de Saúde Pública, que lles comunicará todas as cuestións relacionadas coa seguridade sanitaria do centro para a súa avaliación. Ocuparase tamén de remitirlles as comunicacións dos casos confirmados de contaxio. 

Disposición adicional Nos cinco días naturais seguintes á aprobación deste acordo, o reitor aprobará e publicará un calendario para o desenvolvemento das súas previsións.


 Descarga o documento en PDF