Axenda 2030

22 de marzo, Día Mundial da Auga

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 / Universidad 21/03/2019

A Axenda 2030 establece no seu sexto obxectivo de desenvolvemento sostible (ODS 6) a necesidade de «garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sostible e saneamento para todos». 

No marco do actual Decenio Internacional para a Acción «Auga para o Desenvolvemento Sostible» (2018-2028), o Día Mundial da Auga que se celebra o 22 de marzo ten como lema Non deixar a ninguén atrás. 

A pesar dos avances acadados froito da implementación dos anteriores Obxectivos do Milenio, os datos que proporciona Nacións Unidas sobre a auga e o desenvolvemento resultan aínda moi preocupantes:

  • Uns 2,1 millóns de persoas viven sen auga potable nos seus fogares.
  • Unha de cada catro escolas primarias en todo o mundo carece de abastecemento de auga potable e o alumnado consome auga de fontes non protexidas ou pasan sede.
  • Máis de 700 nenos e nenas menores de cinco anos morren todos os días de diarrea a causa da auga insalubre ou un saneamento deficiente.
  • O 80 % das persoas do mundo que teñen que usar fontes de auga non seguras ou non protexidas vive nas zonas rurais.
  • En oito de cada dez fogares dos que carecen de auga, as mulleres e as nenas son as encargadas de recoller a auga.
  • Máis de 800 mulleres morren todos os días debido a complicacións no embarazo ou no parto.
  • 68,5 millóns de persoas que tiveron que fuxir dos seus fogares teñen problemas para acceder ao abastecemento de auga potable.
  • Aproximadamente 159 millóns de persoas recollen a auga potable de fontes de auga superficial, como os estanques e os arroios.
  • Uns 4000 millóns de persoas -case dous terzos da poboación mundial- padecen escaseza grave de auga durante polo menos un mes ao ano.
  • 700 millóns de persoas no mundo poderían verse forzadas a desprazarse debido á escaseza de auga de aquí ao ano 2030.
  • Os máis ricos adoitan recibir servizos de auga, saneamento e hixiene de calidade a un custo baixo ou moi baixo, mentres que os máis pobres pagan un prezo moito máis alto por un servizo de igual ou menor calidade.

Garantir a dispoñibilidade da auga e a súa xestión sostible é tamén un dereito humano para o pleno goce da vida. Este dereito á auga aínda está en fase de consolidación e completa os obxectivos de desenvolvemento sostible proporcionando unha ferramenta que permite esixirlles aos gobernos prioridade no seu tratamento, o establecemento duns estándares mínimos, a rendición de contas, a participación na toma de decisións e a atención especial aos grupos máis vulnerables e marxinais.

Finalmente, non é posible deixar a ninguén atrás na satisfacción das súas necesidades vitais relacionadas coa auga se non existe unha axeitada xestión e protección deste recurso. De aí que resulten importantes unha serie de metas do ODS 6 destinadas a protexer os ecosistemas relacionados coa auga, incluídos os ríos, os acuíferos e os lagos, e a fomentar a xestión integrada dos recursos hídricos e a cooperación transfronteiriza. Sobre todo, nun contexto global de crecente escaseza e de previsión de aumento de tensións e conflitos ao redor do denominado «ouro azul».

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es