Día Internacional das Traballadoras e Traballadores

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 30/04/2020

O Día Internacional do Traballo celébrase o 1 de maio en case todos os países do mundo para conmemorar o movemento obreiro. Nesta xornada, coñecida tamén como Primeiro de Maio, reivindícanse os dereitos sociais e laborais a favor das clases traballadoras. Foi instituído nesta data coma homenaxe aos mártires de Chicago, un grupo de sindicalistas executados por participar nas protestas a favor dunha xornada laboral de oito horas.

A orixe desta celebración nace coa folga xeral de traballadores en Estados Unidos o 1 de maio de 1886. Milleiros de obreiros desfilaron de forma pacífica polas rúas do país para reclamar un horario laboral de máximo oito horas. En Chicago, unha das cidades máis industrializadas e con peores condicións de traballo, as protestas continuaron os días 2 e 3 de maio. 

Nesta metrópole houbo enfrontamentos policiais especialmente duros e despois de varios días de manifestacións, convocouse unha concentración o 4 de maio na praza de Haymarket para denunciar a violencia policial. Ese día unha bomba estala contra as autoridades e desata disturbios incontrolados. Tras o acontecido, decídese apresar aos representantes do movemento obreiro de Chicago que foron xulgados e condenados a morte.

A partir do ano 1889 e por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional estableceuse o 1 de maio como día conmemorativo. Esta xornada recoñece a loita e o labor dos traballadores e traballadoras na sociedade. Na actualidade, moitos países puideron acadar enormes progresos laborais fundamentados no respecto, na retribución e no amparo social, mais aínda queda moito por facer. 

Axenda 2030 e a importancia dun traballo digno

Dende as Nacións Unidas lémbrannos que a día de hoxe 152 millóns de nenas e nenos son vítimas do traballo infantil, a participación das mulleres no mundo laboral tan só representa un 48% e 700 millóns de traballadores viviron na pobreza extrema ou moderada no 2018. Progresar cara normas internacionais do traballo en materia de saúde e seguridade social, así como na produción responsable e economía verde é crucial para asegurar a prosperidade e non deixar a ninguén atrás.

O Día Internacional do Traballo incide de forma directa no ODS 8 da Axenda 2030 que avoga polo traballo decente e o crecemento económico. A través deste ODS, os Estados comprométense a crear empregos inclusivos de calidade, mediante economías dinámicas, sostibles e innovadoras. 

Os dereitos laborais e o traballo seguro conforman a meta 8.8 que pretende protexer e promover un ambiente laboral digno e sen riscos para todos os traballadores e traballadoras. Dado o carácter transversal da Axenda 2030, acadar esta meta supón a consecución directa ou indirecta dos demais obxectivos, especialmente os dedicados ás persoas e a igualdade.

Neste Primeiro de Maio podemos solidarizarnos coa causa compartindo nas nosas redes sociais publicacións sobre esta xornada mediante os hashtags #DiaInternacionalDosTraballadores ou #DiaDoTraballo. Con todo, tamén podemos aproveitar para reflexionar e defender na nosa contorna unha educación de calidade, a igualdade de xénero e unha protección social.
 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es