Día Mundial sen Tabaco

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 27/05/2020

A Organización Mundial da Saúde (OMS) celebra cada 31 de maio o Día Mundial sen Tabaco co obxectivo de concienciar a poboación sobre os riscos que teñen para a saúde o consumo de tabaco e a exposición pasiva ao fume alleo e, ao mesmo tempo, disuadila para que abandone o seu consumo en calquera das formas que presente. 

O tabaco é unha droga que provoca unha taxa de mortalidade moito maior que a atribuída ao consumo de alcol e de drogas ilegais en conxunto. Cada ano, máis de 8 millóns de persoas falecen no mundo por causa do tabaco, entre as cales máis de 7 millóns son consumidoras directas e 1,2 millóns fumadoras pasivas. O consumo de tabaco é un factor de risco que aumenta a posibilidade de contraer enfermidades crónicas, coma o cancro, ou enfermidades pulmonares e cardiovasculares.

Se ben nos últimos anos o número de persoas fumadoras se reduciu, a día de hoxe un 25 % da poboación en España continúa a ser fumadora. Algúns dos elementos que favorecen o consumo de tabaco e que polo tanto dificultan a loita antitabaco son a súa alta aceptación social, a súa accesibilidade e a alta adicción á nicotina que contén.

Precisamente, esta loita é un piar esencial da Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas (ONU) para acadar o obxectivo de desenvolvemento sostible número 3, acuñado «Saúde e benestar». Algunha das metas que a ONU propón para acadar este ODS de cara ao 2030 e que gardan relación co consumo de tabaco son as seguintes:

  • Meta 3.4: reducir nun terzo a mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles mediante a prevención e o tratamento e promover a saúde mental e o benestar
  • Meta 3.5: fortalecer a prevención e o tratamento do abuso de substancias aditivas
  • Meta 3.a: fortalecer a aplicación do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco en todos os países

Desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, unímonos á celebración desta data que este ano xira en torno ás campañas de mercadotecnia da industria tabacaleira que atraen e fomentan o consumo de tabaco entre a mocidade. Entre todos e todas, debemos loitar por unha sociedade libre de tabaco e en contra das tácticas da súa industria, que procura atraer unha nova xeración de clientes.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es