1 de decembro

Día Mundial da Sida

UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 / Universidad 27/11/2019

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible establece no obxectivo número 3 (ODS 3) “garantir unha vida sa e promover o benestar de todos a todas as idades”. Dentro deste ODS, salienta a meta número 3.3 que busca poñer fin, entre outras epidemias, á sida.

A miúdo empregamos indistintamente os termos VIH e sida pero, sen embargo, non son o mesmo. O virus da inmunodeficiencia humana (VIH) é un retrovirus que infecta as células do sistema inmunitario humano, alterando ou anulando a súa función. A infección produce un deterioro progresivo do sistema inmunitario (inmunodeficiencia), pero non implica necesariamente que o ou a paciente desenvolva unha enfermidade.

Por outra parte, a sida, síndrome de inmunodeficiencia adquirida, é a fase máis grave e avanzada do VIH, na cal o sistema inmune é incapaz de defender o organismo e o fai totalmente proclive a contraer enfermidades ou neoplasias que poden poñer en risco a vida da persoa doente.

Os últimos datos da ONU correspondentes ao ano 2018 revelan, entre outros datos, que:

  • 37,9 millóns de persoas viven con VIH en todo o mundo.
  • 1,7 millóns de persoas contraeron a infección por VIH.
  • 770.000 persoas faleceron a causa de enfermidades relacionadas coa sida. 

Desde 1988, cada 1 de decembro  a ONU celebra o Día Mundial da Sida, co fin de concienciar, educar e mellorar a comprensión do VIH coma un problema de saúde pública mundial. O lema deste ano é “As comunidades marcan a diferenza”.

Desde a Universidade de Vigo, querémonos unir a esta celebración alertando á comunidade universitaria dos perigos da práctica de sexo sen protección, un dos principais factores de risco para a infección por VIH/Sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) como sífilis, gonococia (gonorrea), clamidia e herpes xenital. 

Con este propósito, Quérote+ vai instalar un punto de información sobre ITS nos tres campus entre as 12.00 e as 14.00 h os seguintes días:

  • 3 de decembro, campus de Ourense, Facultade de Ciencias da Educación, Edificio de Ferro.
  • 4 de decembro, campus de Pontevedra, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
  • 5 de decembro, campus de Vigo, Facultade de Ciencias Económica e Empresariais.

 

Máis información:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

ODS 3 Saúde e Benestar