Acceso a doutoramento
Para acceder a un programa de doutoramento do Real decreto 99/2011, débese cumprir algún dos seguintes requisitos:
- Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de máster universitario, ou equivalente, sempre que se superasen, polo menos, 300 ECTS no conxunto destas dúas ensinanzas.
- Así mesmo poderán acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:
- Estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro país integrante do Espazo Europeo de Educación Superior que habilite para o acceso ao máster de acordo co establecido no artigo 16 do Real decreto 1393/2007 e superar un mínimo de 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que, polo menos 60 haberán de ser de nivel de máster.
- Estar en posesión dun título oficial español de graduado ou graduada, cuxa duración, conforme a normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS. Os devanditos titulados deberán cursar con carácter obrigatorio os complementos de formación requiridos polo programa, agás que o plan de estudos do correspondente título de grao inclúa créditos de formación en investigación equivalentes en valor formativo aos créditos en investigación procedentes de estudos de máster.
- Os titulados e as tituladas universitarias que, previa obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superen con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en ciencias da saúde.
- Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros, sen necesidade da súa homologación, previa comprobación pola universidade de que este acredita un nivel de formación equivalente ao do título oficial español de máster universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión a persoa interesada nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso a ensinos de doutoramento.
- Estar en posesión doutro título español de doutor ou doutora obtido conforme a anteriores ordenacións universitarias.
- Estar en posesión dun título universitario oficial que obtivera a correspondencia ao nivel 3 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES). Pódense consultar as correspondencias dende a páxina web do MECD.
- Poderán acceder aos estudos de doutoramento as persoas licenciadas, arquitectas ou enxeñeiras que estean en posesión do diploma de estudos avanzados obtido de acordo co disposto no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, ou alcancen a suficiencia investigadora regulada no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro.
Máis información:
Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 811 950
posgrao@uvigo.es