Grao en Belas Artes
Características
Área de coñecemento
Centros
Coordinación do título
Descrición
A arte é non só un profundo reflexo da sociedade, senón un dos seus axentes transformadores e unha das súas bases fundamentais. A arte contribúe á creación e á transmisión cultural. A súa importancia no contexto da cultura e a sociedade contemporáneas resulta indiscutible, por canto a transformación e a diversidade dos patróns culturais están estreitamente vinculados cos patróns estéticos subxacentes, cuxa plasticidade permite unha educación integral. E todo iso é aínda máis notable no seo da cultura contemporánea. O título de Graduado/a en Belas Artes supón a última adaptación e actualización duns estudos con antecedentes históricos, perfectamente arraigados e que son recoñecibles socialmente.
Os estudos superiores de Belas Artes, están a xogar un papel imprescindible na formación de artistas e profesionais da creación e a cultura, de acordo coas demandas crecentes do seu entorno. De feito, é no ámbito da creación e da industria cultural onde, xunto á ensinanza, encontran sitio preferentemente os/as titulados/as en Belas Artes.
Saídas profesionais
-Creación artística (artista plástico en todas as técnicas e medios creativos).
-Creatividade no ámbito audiovisual e das novas tecnoloxías.
-Creatividade no ámbito da imaxe.
-Experto/a cultural, asesoría e dirección artísticas.
-Docencia e educación artística.
-Outros profesionais artísticos.
Obxectivos xerais da titulación
-Dotar o/a estudante dos instrumentos necesarios para a integración dos seus coñecementos en procesos de creación autónoma e/ou experimentación interdisciplinaria de maneira que poida desenvolver a súa práctica artística en todo tipo de formatos e espazos culturais.
-Preparar o/a estudante para unha práctica artística profesional que lle permita tanto asumir un compromiso coa realidade contemporánea como recibir o pleno recoñecemento social das súas competencias.
-Capacitar os/as graduados/as para poder continuar cuns estudos de posgrao nacionais ou europeos.
Mobilidade
A organización das materias, nas que a optatividade se inclúe no primeiro semestre do cuarto curso, favorece a mobilidade de estudantes, o que lles permite optar por unha temporalidade anual ou semestral en función das súas circunstancias persoais.
A mobilidade céntrase nos programas Sicue (ámbito español) e Erasmus (ámbito europeo). Dentro do programa Sicue, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra ten acordos coas 13 universidades públicas españolas que imparten a titulación de Belas Artes, polo que ofrece un total de 31 prazas de intercambio por ano académico. Dentro do programa Erasmus, ten acordos con 14 universidades de 11 países europeos, polo que ofrece un total de 33 prazas de intercambio.
Por outra banda, a Universidade de Vigo dispón do seu propio programa de intercambio con universidades de todo o mundo.
Regulamento e normativa aplicable
Perfil de Ingreso recomendado
Considéranse máis adecuadas as persoas que reúnen coñecementos básicos sobre arte e cultura, inquietude e curiosidade polas manifestacións da arte e a cultura contemporáneas, habilidades básicas e sensibilidade para o manexo de ferramentas e materiais, capacidade para a aceptación da diversidade cultural, capacidades sensoriais e perceptivas ligadas á titulación, etc.