Grao en Comercio

Características

Campus: Vigo
Tipo: Grao
Créditos ECTS totais: 240
Modalidade: Presencial
Prazas: 99
Número de cursos: 4
Código:
V06G270V01

Área de coñecemento

Área de Ciencias Sociais e Xurídicas

Coordinación do título

Emilio García Rosello

Descrición

O Grao en Comercio da Universidade de Vigo ofrece unha ensinanza pública universitaria centrada na xestión integral da empresa, organismos e institucións.
Os/As graduados/as en Comercio adquirirán competencias que lles permitan desenvolver unha pluralidade de habilidades necesarias nunha actividade de amplo recoñecemento e tradición: xestión integral de empresas, facendo especial fincapé no aspecto comercial; de comunicación e negociación de ámbitos internacionais na propia lingua ou en linguas estranxeiras; de dirección de equipos interdisciplinarios e de vendas; de xestión de bases de datos, en particular as de clientes para captalos, retelos ou fidelizalos de xeito sostible para a empresa.

Os postos de traballo que poderán desempeñar os/as graduados/as en Comercio abarcan un espectro moi amplo que se desenvolve a diferentes niveis no marco dos organismos e institucións públicas e privadas. No ámbito dos negocios, desde responsable de xestión integral, pasando por unha pluralidade de actividades vinculadas ao comercio como responsable comercial, de marketing, de vendas, de produto, de distribución, etc. ata técnico comercial do Estado.

O Grao en Comercio ten como obxectivo xeral formar profesionais capacitados para desempeñar labores propios do departamento comercial e demais departamentos de organización, proporcionándolles unha formación práctica e de aplicación directa.
Os/As graduados/as en Comercio posuirán un coñecemento amplo e profundo do mundo das organizacións e das áreas que as conforma e estarán formados para a análise, o diagnóstico e a toma de decisións estratéxicas mediante a correcta utilización dos métodos, procedementos e ferramentas de aplicación ás organizacións. Contarán, ademais, con habilidades de planificación e xestión comercial, xestión do comercio exterior, xestión de aprovisionamentos e distribución, dirección de equipos e vendas, investigación de mercados, sistemas de información integrados para a xestión, contratación laboral e tributación de operacións comerciais, entre outros.

A mobilidade de estudantes céntrase nos programas Sicue (Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios Españois), Erasmus, no ámbito europeo e ISEP, con universidades de Estados Unidos.

O Grao en Comercio está dirixido especialmente a estudantes interesados no ámbito do comercio e con vontade de dominar coñecementos, técnicas e habilidades directivas necesarias para desempeñar o seu labor nas organizacións. Persoas con iniciativa, capacidade analítica, motivación cara á toma de decisións e a resolución de problemas, calidades de comunicación, de traballo en equipo, de utilización fluída dos idiomas e das TIC, entre outros.