Grao en Linguas Estranxeiras

Características

Campus: Vigo
Tipo: Grao
Créditos ECTS totais: 240
Modalidade: Presencial
Prazas: 50
Número de cursos: 4
Código:
V01G180V01

Área de coñecemento

Área de Artes e Humanidades

Coordinación do título

Nuria Yáñez Bouza

Descrición

O obxectivo deste grao é adquirir os coñecementos lingüísticos e socioculturais necesarios para a expresión e comprensión de linguas estranxeiras como o inglés, o alemán, o francés e o portugués, potenciando as habilidades descritivas e analíticas que permitan afondar no estudo sincrónico e diacrónico destas linguas e as súas producións literarias.

-Departamento de internacional.

-Comercio exterior.

-Departamento de recursos humanos.

-Marketing.

-Docencia.

-Asesoría lingüística.

-Mundo editorial (corrección de textos).

-Función pública.

-Xestión do patrimonio.

-Carreira diplomática.

-Creación en axencias de publicidade.

O obxectivo fundamental é formar profesionais que posúan unha capacidade significativa de expresión e comprensión das linguas nativas (galego e español) e estranxeiras e que adquiran un coñecemento global da realidade lingüística, histórica, literaria e cultural dos países pertencentes aos ámbitos xeográficos asociados ás linguas estudadas.

A organización do plan de estudos, no que a optatividade se concentra no segundo ciclo, fai que sexa este un dos períodos preferentes para solicitar unha bolsa de mobilidade. A oportunidade de estudar un ano fóra permitirá a consolidación da lingua inglesa por medio do programa Erasmus, no terceiro curso, así como doutras linguas da Comunidade Europea. Dentro deste programa, a Facultade de Filoloxía e Tradución posúe acordos con 38 universidades de oito países europeos, polo que ofrece un total de 90 prazas.

Por outra banda, o programa de mobilidade entre universidades españolas Sicue, previsto para o cuarto ano, ábrelle ao estudantado o coñecemento doutras universidades españolas. No marco deste programa, a Facultade de Filoloxía e Tradución posúe acordos con tres universidades españolas, o que representa un total de cinco prazas de intercambio.

Cabe destacar tamén que, a través dun terceiro programa de mobilidade (as bolsas propias ofrecidas pola Universidade de Vigo), o alumnado ten a oportunidade de estudar noutros centros universitarios, non necesariamente da Comunidade Europea.

Finalmente, o convenio ISEP con universidades dos Estados Unidos permite elixir entre máis de 100 centros universitarios para realizar estadías dun ano.

As características persoais e académicas das persoas que se consideran máis adecuadas para iniciar estes estudos son as seguintes: habilidade para apreciar a comunicación como fenómeno complexo nunha sociedade cambiante e dinámica; capacidade para a aceptación da diversidade cultural; coñecementos básicos lingüísticos e literarios, nas súas diferentes manifestacións e contextos, do primeiro idioma estranxeiro; habilidades básicas e sensibilidade para o manexo de ferramentas de acceso á información.