Grao en Relacións Internacionais

Características

Campus: Ourense
Tipo: Grao
Créditos ECTS totais: 240
Modalidade: Presencial
Prazas: 22
Número de cursos: 4
Código:
O08G440V01

Área de coñecemento

Área de Ciencias Sociais e Xurídicas

Coordinación do título

Laura Carballo Piñeiro

    Descrición

    O Grao trilingüe en Relacións Internacionais persegue dotar o estudantado dunha formación integral e interdisciplinaria, con particular atención a actores e a temáticas de interese mundial como os desafíos que expón o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, a cooperación para o desenvolvemento, o papel das grandes empresas multinacionais, ou a xestión de proxectos e de plans de desenvolvemento de carácter público e privado. Oriéntase, así, cara ao estudo dun mundo globalizado que esixe tratar cuestións de política intercontinental, economía global, dereito internacional público e privado, relacións transfronteirizas de mercado, movementos de persoas e de recursos, o efecto da actividade humana no medio ambiente e moitos outros temas, cun alcance tanto micro coma macro. Para tratar estes retos, precísanse profesionais expertos capacitados para interpretar e entender as sociedades actuais, comprendendo as relacións internacionais nos distintos ámbitos (político, empresarial, xurídico, histórico etc.) e defendendo, en particular, determinados valores como a xustiza, a solidariedade, a democracia ou a defensa dos dereitos humanos.
    O novo Grao trilingüe en Relacións Internacionais está chamado a converterse na titulación de referencia para a formación de internacionalistas en Galicia e na súa contorna, ao tratarse dunha titulación única en todo o noroeste de España. O seu carácter interuniversitario como titulación conxunta da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, así como a grande axuda que obtivo grazas ao apoio de máis de corenta empresas, organizacións internacionais e outras entidades públicas e privadas, nacionais e internacionais, mostran que o Grao trilingüe en Relacións Internacionais non só é atractivo academicamente, senón que responde a unha urxente demanda social.

    Administracións públicas
    Corpo diplomático
    Organismos internacionais e organizacións non gobernamentais
    Educación e investigación en centros nacionais e estranxeiros, incluídos think tanks
    Consultaría internacional para pequenas e medianas empresas, ademais de multinacionais
    Dirección de proxectos

    O Grao trilingüe en Relacións Internacionais persegue dotar o estudantado dunha formación integral e interdisciplinaria, con particular atención a actores e a temáticas de interese mundial como os desafíos que expón o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, a cooperación para o desenvolvemento, o papel das grandes empresas multinacionais, ou a xestión de proxectos e de plans de desenvolvemento de carácter público e privado.

    O 50% da docencia impártese en inglés.

    Condicións ou probas de acceso especiais
    Debido á orientación internacional do Grao en Relacións Internacionais, o 50 % dos créditos do plan de estudos impartirase en lingua inglesa. Por este motivo, este grao ten un requisito de acceso específico: a acreditación dun nivel mínimo de inglés (B1).
    O estudantado, procedente de centros da comunidade autónoma de Galicia, cuxa nota media da materia de inglés dos dous cursos de bacharelato sexa igual ou superior a 7, non terá que presentar ningunha documentación para acreditar o nivel B1 de inglés e poder formalizar a súa matrícula. Esta información xa lle consta á universidade. Só deberá presentar necesariamente esta xustificación no momento de formalizar a matrícula o estudantado de centros doutras comunidades.
    No caso de non acadar a nota media arriba sinalada ou de ser admitido por un acceso distinto ao de Bacharelato + ABAU, o requisito do nivel de inglés tamén se poderá acreditar mediante calquera dos seguintes xustificantes, que se entregarán necesariamente nos 3 días seguintes á realización da matrícula (ben na secretaría do centro ou remitindo un correo a grao.xuridicoempresarial@uvigo.es):
    • Certificación oficial do nivel B1 de inglés (só se admitirán os certificados recoñecidos pola Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior, ACLES).
    • Certificación/Constancia de cursar 4.º da ESO ou un curso de bacharelato en sistemas educativos de fala inglesa.
    • Diploma de asistencia e aproveitamento de nivel B1.2 ou superior de inglés, ou diploma de dominio de nivel B1 ou superior do Centro de Linguas da Universidade da Vigo. Tamén se admitirán os certificados similares expedidos por outros centros de linguas doutras universidades españolas.

    Título dirixido a estudantes con vocación internacional que queiran recibir unha formación multidisciplinaria e trilingüe para poder traballar en entidades públicas ou privadas, en España e no estranxeiro, con orientación profesional tanto no ámbito da cooperación internacional e na diplomacia coma no mundo dos negocios.