Máster Universitario en Dirección de PEMES
Características
O Mestrado en dirección de pemes é un título oficial de posgrao da Universidade de Vigo adaptado ao espazo europeo de educación superior e deseñado cun enfoque moi práctico e orientado á realidade das pemes que constitúen a gran maioría do noso tecido empresarial.
O noso obxectivo é formar profesionais capaces de adaptarse aos novos retos que supón o contexto económico actual, que obriga ás empresas a actuar baixo a presión dunhas crecentes esixencias competitivas, nun ambiente laboral incerto, cuxa única constante é o cambio e a continua obsolescencia dos coñecementos que adquirimos.
As pemes, o verdadeiro motor da economía, non poden permanecer alleas a este contorno e ese é precisamente o obxectivo deste mestrado. Centrámonos en axudar aos seus directivos/as actuais e futuros a mellorar as súas habilidades, desenvolver actitudes como a iniciativa, o traballo en equipo e o pensamento crítico, e adquirir as ferramentas esenciais para xestionar con éxito o complexo panorama empresarial. Tratamos aspectos críticos como a aplicación da tecnoloxía nos procesos empresariais, a toma de decisións, o liderado e a innovación, entre outros. Isto permítelle ao noso estudantado navegar con facilidade no mundo empresarial actual en constante cambio.
Acceso e admisión
- Nota media do expediente académico: máximo 4 puntos (nota media simple, sen contar os exames suspensos ou suspendidos).
- Experiencia profesional en actividades relacionadas coa titulación: 1 punto (experiencia dun ano ou máis).
- Cursos sobre temas de xestión e administración de empresas (organizados pola universidade ou por organismos de recoñecido prestixio vinculados coa actividade empresarial (cámaras de comercio, IGAPE, colexios profesionais etc.): máximo 1 punto.
A docencia no mestrado impártese maioritariamente en español. Por iso, será necesario demostrar como mínimo un nivel B2 de español e será recomendable un nivel C1. A comisión académica do mestrado poderá solicitarlles ás persoas a presentación de documentos acreditativos de posuír o nivel de español requirido, así como a realización dunha entrevista persoal por videoconferencia, ou outro tipo de requerimentos que consideren necesarios, co fin de comprobar o adecuado cumprimento deste requisito. O incumprimento deste requisito á xuízo da comisión, ou non atender os seus requerimentos neste sentido suporán a desestimación da solicitude de admisión.
Perfil de ingreso recomendado
- Persoas tituladas con formación universitaria previa, en áreas non necesariamente relacionadas coa actividade empresarial e con inquietudes emprendedoras.
- Persoas con coñecementos e/ou experiencia profesional no mundo da empresa, que necesitan complementar a formación, adquirir novas ferramentas, criterios e métodos de xestión actuais, para incorporarse ao mercado laboral en mellores condicións ou, se xa son profesionais en activo, para optar a postos de maior responsabilidade.
- Persoas con formación en áreas distintas á de negocios, que necesitan unha formación complementaria que lles habilite para o exercicio profesional no mundo da empresa.
Obxectivos xerais da titulación
O Mestrado en xestión de pemes foi deseñado precisamente para responder a esta nova demanda do mercado profesional: a necesidade de adquirir un alto grao de especialización e unha mellora das capacidades dos e das profesionais que desenvolverán a súa actividade profesional no mundo empresarial e, en particular, no ámbito das pemes que constitúen a maioría do tecido empresarial actual.
Polo tanto, o obxectivo deste mestrado é proporcionar unha formación integral que lle permita ao alumnado experimentar o estado actual do panorama empresarial global, proporcionándolle unha visión global e estratéxica da actividade empresarial e dotándoo dunha ampla gama de ferramentas de análise e toma de decisións, principalmente a través da aprendizaxe experiencial.
Este mestrado permite:
- Familiarizarse co entorno económico, xurídico e social no que opera a empresa, desde unha perspectiva global.
- Desenvolver unha visión integral e os coñecementos necesarios para a xestión e dirección das pemes: o funcionamento xeral das empresas e as técnicas de xestión dos seus recursos.
- Comprender os principais ámbitos das pemes e os modelos de xestión específicos para cada unha delas.
- Obter unha visión xeral, cun enfoque práctico, de como as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) poden contribuír á mellora da xestión empresarial, analizando as principais aplicacións que permiten a explotación da información e o coñecemento, xerados tanto dentro como fóra da empresa, os factores críticos a considerar para a súa implementación e os potenciais beneficios.
- Dominar as ferramentas analíticas necesarias para a toma de decisións eficaz.
- Identificar oportunidades de negocio, investigar o seu potencial e abordar a súa posta en marcha.
- Deseñar un plan de márketing adaptado ás necesidades da empresa.
- Desenvolver e fortalecer as habilidades e actitudes persoais necesarias para os postos directivos: xestión do coñecemento, innovación, creatividade, traballo en equipo, compromiso, toma de decisións...
En definitiva, trátase de comprender mellor o mundo empresarial e adquirir as habilidades necesarias para un mellor desenvolvemento profesional e para achegar valor á túa empresa.




