Máster Universitario en Economía Circular
Características
Trátase dunha titulación interuniversitaria desenvolvida conxuntamente polas tres universidades galegas (UVigo, USC e UDC) que comparten a necesidade de impulsar un novo mestrado en economía circular, de acordo coa análise realizada polo proxecto «Galicia 2030: perfís profesionais do futuro e novas titulacións e especializacións».
O obxectivo principal desta titulación é formar persoas que poidan desenvolver actividades no ámbito da sustentabilidade e a economía circular en diversas organizacións, xa sexan públicas ou privadas, empresas comerciais ou sociais, ONG ou outras organizacións que promovan a produción e o consumo baseados en modelos sostibles.
Acceso e admisión
Os criterios de admisión basearanse nos seguintes aspectos:
- Expediente académico: 70 %. O baremo estará baseado na nota media do expediente académico.
- Experiencia profesional contextualizada no ámbito da economía circular: 10%, considerando a antigüidade e o nivel do posto, avalada por cartas de referencia ou certificacións de responsables profesionais e empresariais.
- Formación complementaria: 20 %, dos cales un 10 % para titulacións de grao ou mestrado universitario, adicionais ás que dan acceso ao programa, directamente relacionadas co título; un 5 % para titulacións non oficiais directamente relacionadas co título; e un 5 % para idiomas, particularmente inglés (mínimo nivel MECES B2).
O expediente académico terá un peso máximo do 70 % do total e os outros méritos un peso máximo do 30 % (incluíndo unha entrevista persoal se se considera pertinente).
Perfil de ingreso recomendado
Este mestrado está dirixido a unha ampla variedade de persoas graduadas e profesionais das macro áreas de ciencias sociais e xurídicas, ciencias e enxeñaría e arquitectura, con interese en especializarse no campo da economía circular.
Obxectivos xerais da titulación
- Desenvolver habilidades e coñecementos para liderar e impulsar a transición do modelo lineal ao modelo de economía circular en organizacións e empresas.
- Identificar áreas de acción específicas para o multi#R (redeseño, remanufactura, reparación, redistribución, redución, reutilización, reciclaxe, recuperación) e desenvolver solucións técnicas sostibles nesas áreas.
- Aplicar os principios do ecodeseño ao deseño de produtos e servizos.
- Definir estratexias para a redución e xestión dos residuos da organización e implementar técnicas para o tratamento e a recuperación de materiais e residuos.
- Deseñar e implementar novos modelos de negocio circulares e colaborativos, orientándoos cara á neutralidade climática, incluíndo os coñecementos necesarios para o desenvolvemento dun plan de negocio.
- Aplicar a lexislación ambiental vixente en materia de sustentabilidade e as políticas económicas asociadas no desempeño das súas actividades.
- Comprender as causas básicas dos problemas actuais relacionados coa contaminación.
- Coñecer os novos avances científicos e técnicos que poden axudar a paliar estes problemas.
- Promover o uso de tecnoloxías limpas e fontes de enerxía renovables, así como o desenvolvemento de estratexias eficientes de xestión da auga e a enerxía.
- Promover e difundir os principios, fundamentos e vantaxes da economía circular, así como o compromiso da organización con este novo paradigma e coa economía social.
- Empregar as tecnoloxías da información e a comunicación e as novas tecnoloxías emerxentes para implementar e optimizar modelos de economía circular.
- Aprender diferentes ferramentas para deseñar estratexias políticas a favor da circularidade económica e social.




