Máster Universitario en Enxeñaría Industrial
Características
Certas profesións reguladas requiren un nivel de formación superior e, polo tanto, para exercelas requírese un mestrado universitario habilitante. O Mestrado en enxeñaría industrial é un mestrado con acreditación profesional completa como enxeñeiro/a industrial, regulado pola Orde ministerial CIN/311/2009, do 9 de febreiro de 2009, e publicado no (BOE) núm. 42, do 18 de febreiro de 2009.
Acceso e admisión
Ademais dos requisitos xerais de acceso a estudos de mestrado, establécese o requisito de admisión adicional de que todo o alumnado debe acreditar un nivel B1 de inglés ou equivalente para ser admitido no Mestrado en enxeñaría industrial da Universidade de Vigo.
As solicitudes de admisión clasificaranse en tres grupos:
- Grupo 1: tituladas/os no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais pola Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.
- Grupo 2: graduadas/os nas restantes titulacións da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo.
- Grupo 3: Outros tituladas/os con titulacións con perfís permitidos pola Orde CIN/311/2009 para acceder ao mestrado, cos complementos de formación correspondentes en cada caso.
Dentro de cada grupo, o alumnado ordenarase segundo a seguinte fórmula:
Nota media do estudante/nota media da súa titulación
As prazas asignaranse segundo esta orde e coas seguintes reservas:
- O 50 % das prazas asignarase ás solicitudes do grupo 1. Se quedan prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 2. De quedar prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 3.
- O 45 % das prazas asignarase ás solicitudes do grupo 2. Se quedan prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 1. Se aínda quedan prazas vacantes, asignaranse ás solicitudes do grupo 3.
- O 5 % das prazas asignarase ás solicitudes do grupo 3 xunto cos solicitudes restantes dos grupos 1 e 2 que non obtiveron praza nas cotas anteriores.
Para o establecemento de complementos de formación para o alumnado do grupo 3, terase en conta a súa titulación previa e compararase o seu expediente académico coa formación incluída no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (BOE do 11 de febreiro de 2013). Estes complementos de formación non formarán parte do Mestrado en enxeñaría industrial e consistirán en materias impartidas nalgunha das titulacións que ofrece a Escola de Enxeñaría Industrial.
Plan de estudos
Para obter o título, o estudantado debe demostrar os seguintes resultados de aprendizaxe:
- Ter coñecementos axeitados dos aspectos científicos e tecnolóxicos de: métodos matemáticos, analíticos e numéricos en enxeñaría, enxeñaría eléctrica, enxeñaría enerxética, enxeñaría química, enxeñaría mecánica, mecánica de medios continuos, electrónica industrial, automatización, fabricación, materiais, métodos de xestión cuantitativa, computación industrial, planificación urbana, infraestruturas etc.
- Planificar, calcular e deseñar produtos, procesos, instalacións e plantas.
- Liderar, planificar e supervisar equipos multidisciplinares.
- Realizar investigación, desenvolvemento e innovación en produtos, procesos e métodos.
- Levar a cabo a planificación estratéxica e aplicala a sistemas relacionados coa construción, a produción, a calidade e a xestión ambiental.
- Xestionar técnica e economicamente proxectos, instalacións, plantas, empresas e centros tecnolóxicos.
- Capacidade para desempeñar funcións de dirección xeral, dirección técnica e xestión de proxectos de I+D en plantas, empresas e centros tecnolóxicos.
- Aplicar os coñecementos adquiridos e resolver problemas en contornas novas ou descoñecidas dentro de contextos máis amplos e multidisciplinares.
- Ser capaz de integrar coñecementos e afrontar a complexidade de formular xuízos a partir de información que, aínda que incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos e xuízos.
- Saber comunicar as conclusións (e os coñecementos e razóns subxacentes que as sustentan) a públicos tanto especializados como non especializados dun xeito claro e inequívoco.
- Posuír as habilidades de aprendizaxe que lle permitan continuar estudando de maneira autodirixida ou autónoma.
- Coñecemento, comprensión e capacidade para aplicar a lexislación necesaria no exercicio da profesión de enxeñeiro/a industrial.




