Máster Universitario en Enxeñaría de Minas
Características
O Mestrado universitario en enxeñaría de minas habilita para a profesión regulada de enxeñeiro/a de minas. Trátase dunha titulación única no sistema universitario de Galicia.
Formamos o estudantado para que adquira as capacidades e as habilidades necesarias en relación co cálculo, simulación, deseño, xestión, análise e dirección técnica dos procesos tecnolóxicos vinculados á produción, transformación, almacenamento, transporte e uso das materias primas minerais e recursos enerxéticos; todo iso nun marco de sustentabilidade. Concíbese como un proxecto formativo de marcada orientación práctica. Proba disto é a inclusión no plan de estudos da materia Prácticas externas (de carácter obrigatorio), a realización de numerosas visitas a instalacións e procesos tecnolóxicos e a realización de actividades formativas prácticas.
Nesta titulación formamos profesionais altamente cualificados para enfrontarse á resolución de problemas complexos nos ámbitos da enxeñaría de minas. Cabe destacar no plan de estudos o Módulo de simulación numérica en enxeñaría, cuxo obxectivo é formar o estudantado no manexo de ferramentas para enfrontarse á simulación de procesos da enxeñaría de minas.
O mestrado achega a Galicia unha especialización académica e profesional esencial, única, singular e exclusiva desde a educación pública. Este mestrado ten o selo de calidade EUR-ACE, un recoñecemento internacional que acredita a alta calidade das titulacións de enxeñaría, outorgado pola European Network for Accreditation of Engineering Education.
Acceso e admisión
En canto ao procedemento de admisión, este aplicarase ao estudantado que cumpra os requisitos de acceso á titulación. En concreto, identifícanse catro grupos:
Grupo A: estudantes en posesión dalgunha das seguintes titulacións: (i) Grado en Enxeñaría Enerxética e de Recursos Mineiros pola Universidade de Vigo ou ( ii ) Grado en Enxeñaría Enerxética pola Universidade de Vigo.
Grupo B: estudantes en posesión dun título universitario vinculado ao exercicio da profesión regulada de enxeñeiro/a técnico de minas (Graduado Universitario ou Enxeñeiro/a Técnico de Minas (diferentes especialidades) expedido por outra universidade do SUE).
Grupo C: estudantes con titulación universitaria non vinculada ao exercicio da profesión de enxeñeiro/a técnico de minas que cumpran os requisitos de acceso establecidos no punto 4.2.2 da Orde CIN/310/2009.
Grupo D: estudantado estranxeiro.
Proponse reservar unha cota de prazas para cada grupo, do seguinte xeito:
Grupo A: 70 % das prazas ofertadas (14 prazas)
Grupo B: 10 % das prazas ofertadas (2 prazas)
Grupo C: 10 % das prazas ofertadas (2 prazas)
Grupo D: 10 % das prazas ofertadas (2 prazas)
Se non se completa a cota dalgún dos grupos, esta poderá cubrirse con estudantes dos outros grupos. A prioridade dentro de cada grupo basearase na media de cualificacións do expediente académico.
Tendo en conta a heteroxeneidade na formación académica previa dos grupos de acceso B, C e D, a comisión académica do mestrado establecerá, en función do currículo académico da persoa solicitante, o currículo académico do Módulo de formación avanzada en tecnoloxías baseado na formación previa acreditada.
No caso de estudantes dos grupos C e D que cumpran os requisitos de acceso, a comisión académica do mestrado establecerá, en función da formación académica impartida, o conxunto de créditos que o estudantado debe cursar como formación complementaria, se é o caso, de xeito que o número máximo de créditos de formación complementaria a cursar sexa de 24 ECTS.
Para o alumnado estranxeiro, a comisión académica, co apoio e asesoramento dos servizos administrativos competentes, co fin de dispor de información relativa ao sistema universitario de orixe, avaliará a realización de formación complementaria.
Plan de estudos
O seu obxectivo é formar profesionais altamente cualificados para tratar a resolución de problemas no campo da enxeñaría mineira. Destaca especialmente a inclusión no currículo do Módulo de simulación numérica en enxeñaría mineira, que ten como obxectivo proporcionarlle ao estudantado as metodoloxías e ferramentas para abordar a simulación numérica de diversos problemas dentro do campo da enxeñaría mineira.
Saídas Profesionáis
As saídas profesionais das persoas egresadas da titulación enmárcanse en tres ámbitos:
Recursos mineiros
- Procura e avaliación de xacementos mineiros
- Deseño de explotacións mineiras
- Estudos de impacto ambiental de explotacións mineiras
- Plans de restauración de explotacións mineiras
- Dirección técnica de explotacións mineiras
- Deseño e dirección técnica de voaduras. Uso de explosivos en calquera aplicación
- Xestión de residuos mineiros, de construción e demolición
-Estabilización, auscultación e drenaxe de noiros, vertedoiros, túneles e obras subterráneas.
- Prospección, captación, distribución e utilización de augas subterráneas
- Tecnoloxía e xestión integral da auga
- Depuración e desalinización
Materiais
-Procesos de fabricación de materiais (aceiro, formigón, materiais metálicos, plásticos, vidro, polímeros e novos materiais)
- Procesos de reciclaxe
- Técnicas de conformación e unión
- Xestión da calidade de materiais
Enerxía e combustibles
- Petroquímica e carboquímica
- Xeración, transporte, distribución e utilización de enerxía térmica e eléctrica
- Enerxías renovables: fotovoltaica, solar, hidroeléctrica, xeotermia e eólica
- Centrais térmicas e nucleares
- Aforro, eficiencia e diversificación da enerxía
- Coxeración
- Novas tecnoloxías enerxéticas: almacenamento e hidróxeno




