Máster Universitario en Intelixencia Artificial
Características
O Mestrado en intelixencia artificial é un programa interuniversitario, impartido pola UDC, USC e UVigo. Está deseñado como un programa integral para a formación de profesionais e emprendedores neste campo. O avance das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de sistemas intelixentes requiren profesionais con competencias en numerosas áreas: informática, matemáticas, estatística e empresariais.
Este mestrado satisfará as necesidades de diversos sectores empresariais que requiren cada vez máis persoas expertas no desenvolvemento de sistemas intelixentes. Estudos recentes destacan esta profesión como unha das máis demandadas e mellor remuneradas.
Acceso e admisión
- Acreditación do nivel B1 de inglés do marco común europeo de referencia, nos termos que determine a comisión de selección e admisión de estudantes, dado que o título se imparte integramente en inglés.
O alumnado que solicite a súa admisión neste título debe contar, preferentemente, con algunha das seguintes titulacións universitarias de grao, licenciatura ou enxeñaría técnica nos seguintes ámbitos (incluíndo aqueles títulos con denominacións equivalentes ou alternativas ás incluídas na listaxe):
- Enxeñaría informática
- Ciencia e enxeñaría de datos
- Intelixencia artificial
- Robótica
- Matemáticas
- Física
- Enxeñaría de telecomunicacións
- Enxeñaría industrial
No caso do alumnado que solicite a súa admisión e posúa un título diferente aos incluídos na listaxe anterior, valorarase a súa admisión en función de que poida xustificar que os seus estudos previos conduciran á adquisición dos coñecementos recomendados incluídos nesta mesma sección. Non se prevén complementos formativos para adquirir os coñecementos básicos previos.
Os baremos cos que se avaliarán as solicitudes de ingreso basearanse nos seguintes aspectos:
- Expediente académico
- Outros méritos relacionados co ámbito da intelixencia srtificial (experiencia laboral, formación extracurricular, participación en actividades relacionadas co ámbito da intelixencia artificial etc.)
O expediente académico terá un peso máximo do 70 % do total e os outros méritos un peso máximo do 30 %. Os criterios concretos para cada curso académico serán establecidos e publicados con anterioridade ao comezo dos períodos de preinscrición e matrícula.
Perfil de ingreso recomendado
O perfil idóneo do estudantado que accede a este título de mestrado pode describirse en función dun conxunto de habilidades e coñecementos ben identificados e da súa formación académica previa.
Como coñecementos recomendados indícanse os seguintes:
- Matemáticas (análises, álxebra lineal, xeometría, estatística básica e probabilidade)
- Programación, estruturas de datos e algoritmos
- Fundamentos de estrutura de computadores
Entre as habilidades desexables no alumnado que ingrese no programa formativo pódense citar as seguintes:
- Capacidade básica no manexo das novas tecnoloxías
- Capacidade de abstracción, análise, síntese e razoamento lóxico
- Capacidade de traballo en equipo
- Sentido da organización, atención ao detalle e sentido práctico
- Curiosidade, imaxinación, creatividade, innovación e espírito emprendedor
- Interese polos avances científicos e tecnolóxicos
Obxectivos xerais da titulación
Os obxectivos do plan de estudos do mestrado son os seguintes:
- Formar a profesionais con capacidade de desenvolver sistemas intelixentes para axudar na toma de decisións no ámbito científico e empresarial.
- O estudantado deste mestrado será capaz de xerar solucións prácticas a problemas tecnolóxicos, empresariais e sociais.
- Combinando o estudo de materias como as matemáticas e a informática, co manexo avanzado das novas tecnoloxías dixitais da información e a comunicación (estatística, intelixencia artificial, aprendizaxe autónoma…) o estudatando egresado desta titulación converterase nun perfil moi atractivo á hora de cubrir as necesidades que se están dando no mercado laboral.




