Máster Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria
Características
Este mestrado está dirixido directamente ao profesorado de educación infantil e de primaria, así como a profesionais vinculados á educación que estean interesada/os en recibir formación especializada en innovación na docencia de áreas curriculares específicas, considerando o seu carácter interdisciplinar. O mestrado tamén trata a formación CLIL (aprendizaxe integrada de contidos e linguas) e permite o inicio da investigación nas áreas mencionadas, abrindo as portas a futuras investigacións (tese doutoral). Ofrécese conxuntamente polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, cada unha cunha selección diferente de materias optativas.
Acceso e admisión
A admisión ao mestrado virá definida por:
- Grao de afinidade da titulación de acceso aos estudos de mestrado. Son titulacións prioritarias os graos en Educación Infantil e Educación Primaria e as diplomaturas de Maxisterio. Son titulacións non prioritarias os restantes graos e mestrados das Facultades de Ciencias da Educación españolas, cuxa afinidade se valorará en cada caso de non cubrirse as prazas.
- Expediente académico dos estudos que se cursaron con anterioridade.
- A experiencia profesional e investigadora no ámbito educativo.
- Grao de coñecemento dos idiomas estranxeiros de impartición.
Perfil de ingreso recomendado
Aínda que non é indispensable posuír unha formación pedagóxica asociada con exclusividade a unha soa titulación para cursar o mestrado, si existen algunhas características que se consideran adecuadas para cursar estes estudos.
Capacidades
Curiosidade científica, gusto polo estudo e a lectura, capacidade para a aprendizaxe autónoma e colaborativa, habilidades para a comunicación interpersoal, capacidade de análise e razoamento crítico, conciencia sobre aspectos sociais e educativos como a sustentabilidade e igualdade, compromiso ético e democrático cara aos diferentes ámbitos profesionais en consonancia coa sociedade do século XXI, por definición, cada vez máis diversa e multicultural.
Coñecementos previos
Poderán acceder persoas que desexen proseguir os seus estudos no ámbito do coñecemento socio-educativo e/ou queiran especializarse nalgunha das temáticas do mestrado. Este mestrado tamén podería interesar a persoas tituladas noutras disciplinas que estivesen a desempeñar a súa actividade profesional en contextos socio-educativos e que desexasen obter unha formación específica nalgunha das áreas de coñecemento implicadas neste mestrado.
Linguas aque se empregarán no proceso formativo e nivel esixido
Un dos obxectivos marcados polos plans de Normalización Lingüística das Universidades galegas é propiciar que o galego sexa a lingua habitual de comunicación, de expresión e de traballo da comunidade universitaria. Neste sentido, establécese que os centros, os departamentos, as dependencias administrativas e de servizos, teñan como lingua de uso o galego. Así mesmo, os documentos que os departamentos e as entidades institucionais elaboren: as memorias, as actas, as comunicacións oficiais para os taboleiros de anuncios, os programas das materias, etc., redactaranse en galego. Debido a iso, solicítase do estudantado que posúa un suficiente dominio de calquera das dúas linguas oficiais da comunidade autónoma galega. Ademais, cabe indicar que a referencia á capacidade para comunicarse por oral e por escrito en lingua galega inclúese concretamente na Universidade de Vigo como competencia transversal.
Obxectivos xerais da titulación
- Expresarse correctamente, tanto oralmente como por escrito, nas linguas oficiais da comunidade autónoma.
- Dominar a expresión e a comprensión oral e escrita dunha lingua estranxeira.
- Empregar as ferramentas básicas das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) necesarias para o exercicio da súa profesión e para a aprendizaxe ao longo da vida.
- Desenvolverse para o exercicio dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implementar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.
- Comprender a importancia da cultura emprendedora e coñecer os recursos dispoñibles para os emprendedores.
- Avaliar criticamente o coñecemento, a tecnoloxía e a información dispoñibles para resolver os problemas aos que se deben enfrontar.
- Como profesional e cidadán, recoñece a importancia da aprendizaxe ao longo da vida.
- Valorar a importancia da investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no avance socioeconómico e cultural da sociedade.




