Máster Universitario en Lingüística Aplicada
Características
O mestrado está deseñado para proporcionarlle ao estudantado unha base sólida en lingüística, tanto teórica como aplicada. O módulo de cursos obrigatorios proporciona os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para completar calquera tipo de tese de mestrado en lingüística e os módulos optativos permiten especializarse nas áreas escollidas. O obxectivo é formar persoas especialistas altamente cualificadas en lingüística que poidan prosperar en contornas multidisciplinares, posuír fortes habilidades de comunicación, comprender e usar linguaxes específicas, dominar o contorno virtual e as novas tecnoloxías e xestionar e organizar a información segundo as demandas do mercado laboral. O mestrado tamén está deseñado como formación preparatoria para estudos de doutoramento en lingüística.
Acceso e admisión
- Expediente académico: 75 %.
- Currículo: 20 % (valorarase a posesión do nivel C1 en español ou en galego para estudantado estranxeiro).
- Estar en posesión dunha licenciatura ou dun grao en Filoloxía, Lingüística, Tradución e Interpretación, Linguas/Letras ou doutras licenciaturas ou graos das áreas de humanidades ou ciencias sociais: 5 %.
Perfil de ingreso recomendado
- Poderán matricularse no mestrado estudantes con títulos en Filoloxía, Lingüística, Tradución e Interpretación, Linguas/Letras e outras titulacións nas áreas de humanidades ou ciencias sociais.
- O alumnado con título universitario de diplomado poderá cursar o mestrado se o seu plan de estudos inclúe materias relacionadas con linguas ou co ensino de idiomas.
Obxectivos xerais da titulación
O obxectivo principal desta titulación é permitir que o alumnado, segundo a súa formación previa, adquira e/ou reforce a súa formación en lingüística avanzada (módulo de cursos obrigatorios, con materias de carácter metodolóxico e fundamental) e se especialice nun dos bloques temáticos de carácter esencialmente aplicado nos que se agrupan as materias optativas:
- Adquisición e ensino de linguas
- Recursos de comunicación e lingüística
- Léxico, gramática e variación




