Máster Universitario en Nutrición

Ciencias da Saúde
Campus de Ourense

Características

Modalidade
Semipresencial
Créditos ECTS totais
60
Número de cursos
1
Prazas
24
Código:
O01M139V01

A nutrición e todos os aspectos relacionados que inclúe a patoloxía por alteracións metabólicas máis frecuentes é unha da áreas da biomedicina que experimentou un maior avance nos últimos anos; tamén é unha das que presenta un lugar de traballo máis atractivo, tanto desde o punto de vista da investigación como da clínica. Os continuos avances tecnolóxicos e a elevada prevalencia de determinadas enfermidades endócrino-metabólicas (como a diabetes, a obesidade, as enfermidades cardiovasculares, a hipertensión etc) determinan a necesidade de contar con profesionais cada vez mellor formados no seu ámbito para poder darlles unha axeitada resposta aos problemas sociosanitarios que se presentan, pero tamén cunha sólida formación académica que lles permita adaptarse aos continuos avances científicos e tecnolóxicos.

Acceso e admisión

A selección farase en función de:

- Expediente académico
- Curriculum vitae en aspectos relacionados coa temática do mestrado
- Resto do curriculum vitae (experiencia profesional, bolsas obtidas, cursos etc.)
- Coñecemento de linguas de uso habitual en literatura científica (inglés)
- Entrevista persoal, se fose necesario
- Probas específicas de aptitude, se fose necesario
- Calquera outro criterio que poida ser establecido pola comisión académica do mestrado

Ademais de cumprir os requisitos necesarios para a súa admisión, valorarase positivamente que o alumnado cumpra as seguintes competencias transversais:

- Capacidade de aprendizaxe
- Capacidade de adaptación aos cambios
- Actitude positiva
- Capacidade de asumir responsabilidades
- Capacidade de comunicación oral e escrita
- Capacidade de planificación, coordinación e organización
- Capacidade de resolución de conflitos e problemas
- Capacidade de traballo en equipo
- Capacidade de análise
- Capacidade de traballo independente

Perfil de ingreso recomendado

Priorizaranse ademais da prelación anterior, as seguintes titulacións ou circunstancias:

- Titulados/as en ciencias da saúde: Enfermaría, Fisioterapia, Medicina, Farmacia, Nutrición e Dietética, e Veterinaria.
- Titulados/as en ciencias da vida: Bioloxía e Ciencias do Mar.
- Titulados/as en ciencias agroalimentarias: Enxeñaría Técnica Agrícola e Ciencia e tecnoloxía alimentaria. Deben realizar créditos adicionais sobre a formación básica.
- Outros titulados/as que a comisión académica do mestrado considere que poidan ter acceso a esta formación a partir da avaliación do seu expediente académico.
 

Plan de estudos

O obxectivo do Mestrado en nutrición é ofrecer unha cualificación especializada no campo da nutrición, proporcionando unha formación sólida tanto de carácter experimental como clínico.

Os obxectivos formativos xerais son:

- Desenvolvemento de habilidades intelectuais, organizativas, sociais e comunicativas axeitadas para o traballo académico ou profesional.
- Técnicas avanzadas de traballo en grupo.
- Presentacións orais. O alumnado debe ser capaz de comunicar as súas conclusións e coñecementos, así coma as razóns que os sustentan. Ademais , debe ser capaz de facelo, dirixíndose tanto a públicos expertos como non expertos, tal e como se describe nos descritores de Dublín.
- Aprendizaxe autónoma e autodirixida: o alumnado debe posuír habilidades de aprendizaxe que lle permitan estudar de forma independente.
- Pensamento crítico: neste obxectivo xeral, o programa segue as directrices establecidas polos descritores de Dublín, que afirman que o alumnado demostrará a capacidade de emitir xuízos baseándose en información incompleta.
- Investigación independente: segundo os descritores de Dublín, ao finalizar o mestrado, o alumnado debe posuír coñecementos que lle proporcione unha base para a orixinalidade no desenvolvemento ou a aplicación de ideas. Polo tanto, adherímonos ao obxectivo de ensinarlle ao alumnado a realizar investigacións independentes utilizando os coñecementos adquiridos durante o mestrado.
- Xestión e organización do tempo.
- Traballo interdisciplinar e transdisciplinar.
- Rigor e responsabilidade no traballo.
- A capacidade de adaptación a novas situacións e contornas profesionais de carácter intercultural: este obxectivo está directamente relacionado cun dos descritores de Dublín, no que se pretende que o alumnado saiba aplicar coñecementos e comprensión a través da capacidade de resolución de problemas en contornas novas e descoñecidas dentro de contextos máis amplos.

Os obxectivos educativos específicos (que se detallan no título) son:

- Adquirir coñecementos e habilidades que proporcionen unha formación de alto nivel nos fundamentos teóricos e prácticos da endocrinoloxía molecular, a fisioloxía e a fisiopatoloxía endócrinas, así como en conceptos de investigación que permitan unha comprensión global da patoloxía endócrina máis frecuente.
- Adquirir coñecementos, habilidades e capacidades que contribúan e complementen a formación teórica e práctica nas bases fisiolóxicas da nutrición e a dietética desde un punto de vista integrador, así como nas técnicas de manipulación, conservación e preparación de alimentos.
- Aplicar os coñecementos adquiridos e as habilidades de resolución de problemas en contornas novas e descoñecidas dentro de contextos máis amplos relacionados coa nutrición ou a endocrinoloxía.

Saídas Profesionáis

As persoas egresadas poden traballar nos seguintes eidos: nutrición para a saúde, nutrición clínica ou alimentación comunitaria a través das seguintes ocupacións:

- Biotecnoloxía de alimentos.
- Técnica/o de industria alimentaria.
- Técnica/o de control de calidade do alimento.
- Técnica/o de laboratorio de control de calidade alimentaria.
- Dirección e control da produción industrial de alimentos.
- Enfermería especializada en nutrición.
- Fisioterapeuta especializada en nutrición.
 

Preinscripción y matrícula

Contacto

Coordinación do título

Lucas Carmelo González Matías