Máster Universitario en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Adictivas
Características
O mestrado ofrece unha formación avanzada, especializada e multidisciplinar no ámbito das drogodependencias e outras condutas aditivas. Integra coñecementos procedentes da psicoloxía, medicina, enfermaría, traballo social, educación social, farmacia, dereito, criminoloxía e ciencias sociais, cun enfoque biopsicosocial, comunitario, clínico, educativo e de saúde pública. A titulación presta especial atención á prevención, avaliación, intervención, tratamento, redución de riscos e danos, reinserción social, patoloxía dual, adiccións comportamentais, perspectiva de xénero e atención a colectivos vulnerables.
Acceso e admisión
A admisión valorarase atendendo ao expediente académico, á afinidade da titulación de acceso, á experiencia profesional ou investigadora no ámbito das adiccións, á formación complementaria relacionada e á motivación da persoa solicitante. O expediente académico terá un peso máximo do 60 %, mentres que o resto dos méritos poderá acadar ata o 40 %. A comisión académica do mestrado poderá valorar de maneira individualizada cada solicitude e, cando sexa necesario, establecer complementos formativos para garantir o adecuado aproveitamento da titulación.
Perfil de ingreso recomendado
O mestrado está dirixido preferentemente a persoas tituladas en Medicina, Psicología, Enfermaría, Farmacia, Traballo Social, Educación Social, Pedagoxía, Dereito, Criminoloxía, Socioloxía, Terapia Ocupacional e outras titulacións afíns dos ámbitos sanitario, social, educativo ou xurídico. Tamén resulta especialmente adecuado para profesionais que desenvolvan ou queiran desenvolver a súa actividade en programas de prevención, asistencia, tratamento, acompañamento social, reinserción ou investigación no ámbito das drogodependencias, condutas aditivas e saúde mental.
Obxectivos xerais da titulación
O obxectivo xeral do mestrado é formar e dotar de competencias e habilidades profesionais capaces de comprender, avaliar, previr e intervir nas drogodependencias e nas condutas aditivas desde unha perspectiva multidisciplinar, ética, baseada na evidencia científica e sensible ao xénero. Preténdese capacitar o alumnado para deseñar, aplicar e avaliar programas preventivos e terapéuticos, coñecer os recursos asistenciais e comunitarios, abordar situacións de patoloxía dual e vulnerabilidade, utilizar ferramentas de avaliación e investigación, e comunicar os seus resultados a públicos especializados e non especializados.
Plan de estudos
Saídas profesionais
As persoas tituladas poderán desenvolver a súa actividade en unidades asistenciais de drogodependencias, centros de saúde mental, entidades do terceiro sector, programas de prevención comunitaria, escolar e familiar, concellos, administracións públicas, servizos sociais, dispositivos de redución de riscos e danos, programas de reinserción social, clínicas e entidades especializadas en condutas aditivas. Ademais, o máster ofrece unha orientación investigadora que permite a participación en proxectos de investigación e o acceso a programas de doutoramento en ámbitos afíns.




