Máster Universitario en Tradución para a Comunicación Internacional

Artes e Humanidades
Campus de Vigo

Características

Modalidade
Semipresencial
Créditos ECTS totais
60
Número de cursos
1
Prazas
30
Código
V01M128V11

O Mestrado universitario en tradución para a comunicación internacional (MCTI) da Universidade de Vigo constitúe unha referencia na formación especializada de tradutores e intérpretes no ámbito nacional e internacional. O seu recoñecemento queda avalado pola súa inclusión na lista 2024-2029 dos European Master's in Translation (EMT) da Unión Europea e é o único mestrado galego e un dos oito programas españois que forman parte desta prestixiosa rede de excelencia. Ademais é o único mestrado do ámbito das humanidades e das ciencias sociais que recibiu a mención de excelencia concedida polo Goberno. Estas distincións certifican a elevada calidade académica do programa, a súa capacidade investigadora e a súa estreita vinculación co ámbito profesional.

Na súa aposta pola internacionalización, desde o curso académico 2024/2025 o MCTI mantén un convenio de dobre titulación coa Università degli Studi di Palermo. Grazas a este acordo, o alumnado seleccionado pode cursar, cunha bolsa Erasmus, parte dos seus estudos en ambas as institucións e obter simultaneamente o título de Mestrado en tradución para a comunicación internacional pola Universidade de Vigo e o diploma de Corso di Laurea Magistrale in Lingue Moderne e Traduzione per le Relazioni Internazionali pola universidade italiana.

A través dunha formación que combina fundamentos teóricos, práctica profesional e investigación, o MCTI prepara especialistas capaces de se desenvolveren en contextos multilingües e multiculturais, dando resposta ás demandas dun mercado laboral cada vez máis globalizado e tecnoloxicamente avanzado.

Acceso e admisión

Criterios de admisión

Grupo 1 (50 % das prazas reservadas)

Poderán acceder de forma preferente as persoas tituladas en Grao ou Máster en Tradución e Interpretación.

Grupo 2

Poderán solicitar o acceso as persoas cun grao ou mestrado nas seguintes áreas de coñecemento:

  • Antropoloxía Social e Cultural, Belas Artes, Ciencias da Información, Ciencias do Traballo, Ciencias Políticas e da Administración, Ciencias Políticas e Socioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Documentación, Economía, Estudos de Asia Oriental e Xornalismo.
  • Filoloxías (Alemá, Francesa, Galega, Hispánica, Inglesa, Portuguesa e outras), Lingüística e Teoría da Literatura e Literatura Comparada.
  • Publicidade e Relacións Públicas, Humanidades, Turismo, Administración e Dirección de Empresas (ADE), Filosofía, Historia, Socioloxía, Historia da Arte, Xestión e Administración Pública, Ciencias Actuariais e Financeiras, Medicina, Xeografía, Relacións Laborais, Traballo Social e Ciencias Empresariais.

Criterios de selección do grupo 1

A selección realizarase atendendo, en primeiro lugar, o expediente académico. En caso de empate, valoraranse os seguintes méritos, por esta orde:

  • Posuír outro título oficial de máster: 2 puntos.
  • Posuír unha segunda titulación universitaria: 1 punto.
  • Publicacións científicas relacionadas coa tradución: ata 2 puntos.
  • Traducións publicadas: ata 1 punto.
  • Experiencia docente: ata 1 punto.
  • Actividades de divulgación ou organización relacionadas coa tradución e a interpretación: ata 1 punto.
  • Experiencia profesional en tradución e interpretación: ata 2 puntos.

Criterios de selección do grupo 2

As persoas candidatas deberán acreditar coñecementos previos ou un interese xustificado por especializarse en tradución e interpretación. A comisión académica poderá realizar unha entrevista persoal. A valoración efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

  • Nota media do expediente académico: ata 2,5 puntos.
  • Entrevista persoal: ata 2,5 puntos.
  • Carta de motivación na que se xustifique o interese pola tradución e interpretación: ata 2,5 puntos.
  • Outros méritos: ata 2,5 puntos, incluíndo outro título de mestrado, unha segunda titulación universitaria, publicacións científicas, traducións publicadas, experiencia docente, actividades de divulgación ou experiencia profesional relacionada coa tradución e a interpretación.

Perfil de ingreso recomendado

O Mestrado en tradución para a comunicación internacional está dirixido a persoas graduadas cun bo dominio de linguas e un marcado interese pola comunicación intercultural, a tradución e a interpretación. Recoméndase especialmente a titulados/as en Tradución e Interpretación, Linguas Modernas, Filoloxía, Estudos Lingüísticos ou áreas afíns que desexen especializarse no ámbito da comunicación internacional, ampliar as súas competencias profesionais ou iniciar unha traxectoria investigadora.

Así mesmo, poderán acceder titulados doutras disciplinas, sempre que acrediten unha sólida competencia lingüística e unha motivación e interese por desenvolverse profesional ou academicamente no ámbito da tradución e da comunicación internacional.

Obxectivos xerais da titulación

Ten como obxectivo principal formar profesionais e investigadores capaces de afrontar os retos da comunicación multilingüe e intercultural nun contexto global. Para iso, proporciona unha formación avanzada que integra competencias lingüísticas, tradutolóxicas, tecnolóxicas e culturais, orientadas tanto ao exercicio profesional da tradución e da interpretación como á xestión da comunicación internacional.

Plan de estudos

Saídas profesionais

O Mestrado en tradución para a comunicación internacional forma profesionais altamente cualificados para desenvolverse nun mercado laboral cada vez máis internacional e multidisciplinar. Os seus egresados desenvolven a súa actividade en empresas e institucións con proxección internacional, tanto en Galicia como no resto de España e no estranxeiro.

As saídas profesionais abranguen ámbitos moi diversos, entre os que destacan a tradución e a interpretación, o comercio exterior, a xestión de importacións e exportacións, a comunicación audiovisual e multimedia, así como os sectores sanitario, educativo e xudicial. Esta ampla formación permite ao alumnado adaptarse a diferentes contornos profesionais e dar resposta ás crecentes demandas da comunicación multilingüe e intercultural.

Ademais da súa orientación profesional, o MCTI constitúe unha excelente vía de acceso á investigación, proporcionando a formación necesaria para continuar a traxectoria académica mediante estudos de doutoramento e desenvolver proxectos de investigación no ámbito da tradución, da interpretación e da comunicación internacional.

Preinscrición e matrícula

Contacto

Coordinación do título

Óscar Ferreiro Vázquez