Máster Universitario en Tradución Multimedia
Características
Este mestrado é unha titulación oficial deseñada para formar profesionais especializados na tradución audiovisual, na localización e na accesibilidade (subtitulación para persoas xordas, audiodescrición para persoas cegas e lectura fácil para persoas con dificultades lectoras). Producións audiovisuais, videoxogos, software, páxinas web e aplicacións móbiles: con este mestrado universitario oficial o alumnado adquirirá as competencias necesarias para desenvolver a súa actividade profesional no ámbito da tradución multimedia.
Acceso e admisión
O estudantado que queira ser admitido no título deberá estar en posesión dun grao (ou licenciatura) e daráselle prioridade a graos (ou licenciaturas) en Tradución e Interpretación e noutras disciplinas, pero con experiencia profesional nos diferentes ámbitos da tradución multimedia. No entanto, este mestrado poderá admitir persoas tituladas doutros ámbitos sen experiencia profesional, sempre que acrediten o dominio das seguintes linguas no nivel indicado:
- Español, galego ou portugués (nivel C1 do MCER).
- Inglés (nivel B2 do MCER).
O requisito de acreditación de linguas só é de aplicación para o caso de idiomas non nativos.
Os criterios específicos de admisión basearanse nos seguintes aspectos:
- Adecuación da titulación de acceso aos contidos do máster
- Expediente académico
- Outros méritos relacionados cos ámbitos da tradución audiovisual, da localización e da accesibilidade (experiencia laboral, formación extracurricular, participación en actividades relacionadas co ámbito da tradución multimedia etc.)
O primeiro dos criterios valorará a adecuación da titulación de acceso de forma non binaria, é dicir, outorgando unha puntuación segundo a titulación sexa máis ou menos afín.
- O expediente académico terá un peso máximo do 50 % do total
- A adecuación da titulación terá un peso máximo do 20 %
- Outros méritos un peso máximo do 30 %
Obxectivos xerais da titulación
- Completar a formación de estudantes e profesionais en tradución, accesibilidade e campos relacionados en contornas multimedia.
- Coñecer as diferentes modalidades de tradución audiovisual e de accesibilidade (códigos de significado do texto audiovisual, etapas do proceso de dobraxe/subtitulado/voces superpostas…, técnicas de tradución para dobraxe, subtitulación e voces superpostas…, estratexias de adaptación de textos en subtitulado para xordos prelocutivos e en lectura fácil, técnicas de audiodescrición etc.).
- Coñecer as ferramentas tecnolóxicas empregadas na tradución multimedia, na localización e na xestión de proxectos.
- Coñecer os modelos de análise que permitirán realizar críticas rigorosas, sempre na procura da calidade do produto final traducido.
- Coñecer a contorna profesional e empresarial que ofrece oportunidades profesionais para os especialistas en tradución multimedia e accesibilidade.
Plan de estudos
Saídas Profesionáis
Este posgrao céntrase en sectores clave da industria dixital que demandan tradutores/as especializados:
- Localización: tradución e adaptación de software, páxinas web e aplicacións móbiles
- Tradución audiovisual: subtitulación, dobraxe e voces superpostas
- Videoxogos: tradución e axuste cultural de xogos interactivos
- Accesibilidade: creación de audiodescricións para persoas con discapacidade visual e subtitulado para persoas xordas.
- Novas tecnoloxías: uso de ferramentas avanzadas de xestión de proxectos e tradución asistida por ordenador.
- Xestión de proxectos de tradución multimedia.
- Producións accesibles.




