I+D contratada
A UVigo contribúe a resolver os desafíos e necesidades das empresas e outras organizacións a través de encargos nos que pon en xogo todo o seu potencial, experiencia e recursos en I+D+i.
Neste apartado atópanse os modelos para a formalización de actividades de I+D coa Universidade de Vigo, ao abeiro do artigo 60 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.
Para calquera modificación nos modelos, cumprirá poñerse en contacto coa Oficina de I+D.
Normativa
Modelos para as actividades de I+D+i
Modelos de contrato
- Modelo de contrato proxecto para o campus de Ourense (GL | ES | EN)
- Modelo de contrato proxecto para o campus de Pontevedra (GL | ES | EN)
- Modelo de contrato proxecto para o campus de Vigo (GL | ES | EN)
Modelos de informe
Modelos de curso
De acordo coa Normativa da Universidade de Vigo para a contratación de traballos de carácter científico, técnico, humanístico e artístico, as solicitudes acompañaranse do temario do curso.
Follas de tramitación interna
- Follas de tramitación interna para o campus de Ourense
- Follas de tramitación interna para o campus de Pontevedra
- Follas de tramitación interna para o campus de Vigo
As follas son únicas para todas as actividades de I+D+i.
Preguntas frecuentes
A Universidade de Vigo conta cunha normativa específica para a contratación de traballos de carácter científico, técnico, humanístico e artístico realizados ao abeiro do artigo 60 da LOSU e da Lei da Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.
Tipos de actividades cubertas polo artigo 60 da LOSU
Segundo o obxecto do encargo, distinguimos entre contratos, informes e cursos:
Que é un contrato?
É un encargo con compoñente de investigación ou desenvolvemento (I+D). O seu importe é xeralmente superior a 18.000 € e pode ter unha duración plurianual.
Que é un informe?
Pode ser un estudo, análise, prestación de servizos, peritaxe, consultoría ou asesoramento puntual. O seu importe é xeralmente inferior a 18.000 € e non pode superar o ano de duración.
Que é un curso?
É unha actividade de formación non regrada realizada por encargo dunha entidade externa.
Que actividades quedan excluídas?
O artigo 60 da LOSU non ampara actividades continuadas e prolongadas no tempo que supoñan vinculación estable coa entidade contratante. Así mesmo, denega a compatibilidade para a realización de actividades que non teñan o nivel académico do profesorado universitario, que poidan prexudicar a actividade docente ou que impliquen funcións impropias. Ademais, están excluídas:
- Os contratos editoriais sobre publicacións de libros, traballos traducións ou orixinais destinados á publicación
- Os premios obtidos por PDI (individual ou colectivo)
- A participación en conferencias, xornadas ou seminarios
- Formación incluída na oferta docente da UVigo
- Concursos de ideas ou anteproxectos de obras
- Actividades profesionais alleas á Universidade por parte do profesorado a tempo parcial
Que teño que facer se me presento a unha licitación?
Recoméndase dirixirse á Oficina de I+D para acompañarte no proceso, xa que vai ser a Universidade a licitadora e, eventualmente, a adxudicataria da mesma.
Que teño que facer se me contratan no marco dunha convocatoria pública de axuda á I+D+i?
Recoméndase dirixirse á Oficina de I+D, onde se lle asesorará e se axudará a xestionar adecuadamente a actividade, garantindo o cumprimento da normativa aplicable.
Formalización das actividades
Quen asina os encargos?
Os contratos deben levar a sinatura da persoa que ocupe a Vicerreitoría con competencias en materia de Transferencia e mais a da persoa representante da entidade.
Os informes e os cursos deberán asinarse pola persoa responsable da actividade e pola persoa representante da entidade que fai o encargo.
Que tipo de sinaturas son válidas?
As sinaturas deben ser iguais, ou todas manuscritas ou todas electrónicas. Non se admiten dous tipos de sinatura distintos nun mesmo documento.
Se se usan sinaturas manuscritas, é necesario enviar os orixinais por correo postal. As sinaturas escaneadas non son válidas.
Se se usan sinaturas electrónicas, o documento ten que estar asinado por todas as partes e as sinaturas teñen que aparecer validadas.
Admítense sinaturas a través de Acrobat Sign (ou outras similares) sempre que veñan acompañadas do correspondente informe.
Como debe ser o calendario de facturación?
En actividades con varios fitos de pagamento recoméndase non superar tres prazos. Sempre hai que deixar unha factura para o final da actividade e debe coincidir co peche da mesma.
Follas de tramitación interna
As follas de tramitación interna (FTI) recollen toda a información e a autorización da compatibilidade para realizar a actividade.
A autorización da actividade debe ser previa ao comezo da mesma.
Cómpre concretar a duración específica da actividade en meses (p.ex.: xaneiro-maio 2026). A duración terá que ser acorde e coherente co indicado no contrato/informe/curso.
Que sinaturas teño que procurar nas FTI?
A da persoa investigadora responsable da actividade. De haber máis dunha, deben asinar todas.
A da persoa responsable de autorizar segundo pertenza a unha estrutura, nesta orde de prelación:
- Responsable do centro/instituto
- Responsable do grupo de investigación
- Responsable do departamento
Como se distribúe o orzamento económico da actividade de I+D?
O importe do proxecto ten que indicarse sen IVE.
Os custos indirectos da universidade son un 15% do importe total.
A subcontratación non debe superar o 50% do importe total.
A asignación á Acción Estratéxica de Investigación (AEI) non pode superar o 40% do importe total.
Pódense obter retribucións?
Si, pódense.
Segundo o Real Decreto 1930/1984, existe un importe máximo por persoa e actividade, e un máximo anual:
- Por persoa e actividade: 17.760€ (vixente no ano 2026). De superarse, hai que destinar un 25% do que exceda á AEI. De non tela, ao departamento
- Importe máximo anual: 145.685,1€ (vixente no ano 2026).
Quen pode ser investigador/a responsable e quen pode participar nunha actividade de I+D?
Pode ser Investigador/a Principal (IP) o persoal catedrático, titular, contratado doutor e permanente laboral, así como o persoal investigador posdoutoral con traxectoria consolidada (como axudante doutor, Ramón y Cajal, Beatriz Galindo, Distinguido, Oportunius, Retención de Talento ou Marie Curie), con vinculación laboral coa UVigo, sempre que o seu contrato cubra todo o período de execución.
Ademais destas persoas, poderán ter participación na actividade outras en función da súa modalidade de contrato coa UVigo. Neste senso, require de autorización previa a Recursos Humanos de Investigación o persoal predoutoral e o posdoutoral tipo A (agás se está de estadía fóra, que non podería participar ata o remate da mesma).
Non pode participar o profesorado asociado nin o persoal indefinido contratado nun proxecto con financiamento público.
O persoal doutras universidades ou entidades públicas pode participar con autorización expresa da súa entidade.
Precisas axuda?
Podes contactarnos para asesorarte, negociar os contratos ou axudarte a tramitar as túas actividades:
- Campus de Vigo e Pontevedra: otc.contratos@uvigo.gal
- Campus de Ourense: otc.ourense@uvigo.gal
Oficina de I+D
Edificio Filomena Dato, 1.º andar
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 812 236
otc@uvigo.gal | directorio
Unidade Administrativa
Campus universitario
32004 Ourense
+34 988 387 044
otc.ourense@uvigo.gal | directorio




