Rede CiGUS

A Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CiGUS) é unha superestrutura promovida pola Xunta de Galicia e orientada ao fortalecemento da investigación de excelencia.

Está integrada por centros que contan co selo identificativo CiGUS que avala a calidade e impacto das súa investigación. Este selo busca proxectar estes centros como referentes no ámbito científico e fortalecer o sistema de investigación universitario galego para atraer e reter o mellor talento investigador e ganar competitividade no ámbito estatal e europeo. Os centros da Universidade de Vigo que pertencen á Rede CiGUS son atlanTTic, CINBIO e CIM.

En 2024 créase a categoría de centro de investigación colaborativo para aqueles centros que aínda non obteñen a acreditación de excelencia pero que están no camiño de conseguilo. No caso da UVigo, teñen esa consideración o Cintecx e Ecobas.

A Xunta de Galicia, a través de convocatorias competitivas, avalía e clasifica estes centros de investigación e asígnálles financiamento conforme á súa calificación. Para esta avaliación, establéncense requisitos como a constitución dunha comisión reitora, integrada polo secretario xeral de Universidades, o reitor, a xerenta, a vicerreitora con competencias en investigación e un representante do Consello Social, ademais da dirección do centro.

Outro requisito é a formación dun comité asesor externo de persoas expertas adaptado aos estándares internacionais que adoitan rexer este tipo de órganos colexiados, cuxos membros son aprobados pola comisión reitora. Este comité desempeña un papel fundamental na evolución do centro de investigación, ao ser responsable de avaliar tanto o seu desenvolvemento, a estratexia e a dirección, así como os grupos de investigación que o conforman. Tamén emite a súa avaliación e recomendación á comisión reitora, encargada de analizalas e de tomar decisións en consecuencia aos informes emitidos. 
 


Máis información:

 

 

Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 597
vicinv@uvigo.gal

Área de Calidade
Edificio Ernestina Otero, 3º andar
Campus universitario
36310 Vigo

+34 986 813 447
uacalidade@uvigo.gal