Estratexia investigadora

A sociedade require a mobilización do capital intelectual das institucións universitarias e centros de investigación, polo que o noso obxectivo é crear, difundir e transferir coñecemento para transformalo en crecemento e benestar.

Os sistemas de I+D+i supoñen un papel chave no desenvolvemento socio-económico dun territorio. A correlación positiva existente entre o nivel de renda per cápita dun país e a porcentaxe de gasto en I+D+i sobre o PIB  ten como premisa a administración polas institucións xeradoras de coñecemento.

Aspiramos a todo, e isto significa mesturarnos, compartir os nosos proxectos coa actividade privada, participar activamente nas iniciativas externas que nos propoñan e estar ben situados alá onde a nosa presenza poida ser decisiva.

Esta política require que os nosos doutores e doutoras e os grupos posúan solidez e estean axeitadamente atendidos. Por iso, coidamos a definición dos programas de axudas ao fomento da investigación e os mecanismos de colaboración, alén de progresar no apoio á xestión de convocatorias, proxectos e contratos.

Neste sentido, as convocatorias anuais de axudas á investigación  prestan especial atención aos grupos que permitan acadar obxectivos estratéxicos propios da Universidade e ao mesmo tempo temos unha política de apoio a grupos emerxentes que medran en áreas e líñas de investigación non desenvoltas na UVigo.

As mans dunha persoa que investiga sosteñen un anaco de cerámica antiga
A Universidade de Vigo promove unha investigación multidisciplinar, de calidade e con impacto internacional

 

Nos últimos anos a universidade foi quen de apostar pola captación e consolidación do talento, permitíndonos acadar altas cotas de recoñecemento. A nosa proposta estratéxica na investigación permite estender a cultura investigadora a toda a comunidade universitaria e integrala de xeito eficiente na docencia, potenciar os grupos de investigación competitivos e emerxentes e estimular as agrupacións a través da cooperación intelixente cara centros singulares que debuxen as fortalezas da nosa universidade. Por iso, no noso ADN levamos incorporados os seguintes principios:

  • Mellora dos procesos de xestión administrativa da investigación en todos os campus.
  • Potenciamento dos programas propios de axuda á investigación, os agrupamentos, a captación e consolidación de investigadores e investigadoras.
  • Creación e fortalecemento de centros e estruturas singulares de investigación.
  • Fomento das relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais.
  • Consolidación de infraestruturas de investigación.
  • Promoción da internacionalización da investigación e dos investigadores e investigadoras.

A través da transferencia do coñecemento contribuímos decisivamente á reactivación da economía productiva apoiando o desenvolvemento social e cultural. O futuro pasa en gran medida por esta capacidade de transmisión como paso definitivo para o apoio total da cidadanía, de que os gobernos nos vexan como un investimento e non como un gasto e nós mesmo poidamos incrementar a nosa autonomía financeira. As nosas ideas xiran arredor de varios eixos:

  • Fomentar e apoiar as oportunidades que se identifiquen nas áreas de coñecemento que tradicionalmente non xeran volume importante de transferencia.
  • Apoio á organización produtiva e grupos de investigación.
  • Protección e valorización de tecnoloxías.
  • Soporte á xestión de patentes e outras modalidades de protección do coñecemento.
  • Posta en valor das capacidades e resultados da investigación pública.
  • Aumento da competitividade dos grupos de investigación incrementando a porcentaxe de éxito dos investigadores e investigadoras nas convocatorias estatais e europeas.

Noutros apartados desta sección accédese a información sobre as liñas de investigación e a estratexia de recursos humanos para o persoal investigador (HRS4R).