Día Internacional do Voluntariado

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 03/12/2019

Dende 1985, a ONU celebra cada 5 de decembro o Día Internacional do Voluntariado, co fin de render homenaxe e concienciar a poboación da importante labor que desenvolven os voluntarios e voluntarias en de todo o mundo.

Que é o voluntariado?

A Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria do Parlamento de Galicia define ao voluntario/a como aquela persoa que participa no desenvolvemento de actividades de interese xeral a través de entidades de acción voluntaria. Para que unha actividade poida ser considerada de voluntariado, deben cumprirse os seguintes requisitos:

  • Que se preste de xeito libre e non por cumprir ningunha obriga ou deber xurídico.
  • Que se execute fóra do ámbito laboral, profesional, funcionarial ou mercantil ou de calquera outro tipo de relación retribuída. 
  • Que non se preste a cambio  de contraprestación económica. Isto non impide que á persoa voluntaria se lle poidan reembolsar os gastos ocasionados.
  • Que se leve no marco da execución de programas concretos, xa sexan promovidos por calquera das entidades de acción voluntaria ou polas administracións públicas.

A Universidade de Vigo, comprometida coa Axenda 2030, únese a celebración do Día Internacional do Voluntariado. O voluntariado é un gran aliado para fomentar o cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) posto que parte da premisa do compromiso persoal e do principio de “non deixar ninguén atrás”. Os voluntarios e voluntarias, ao ter contacto directo coa sociedade, contan con maior capacidade de conexión e mobilización para a difusión e implementación dos ODS, especialmente nas esferas local e comunitaria. De forma específica, o voluntariado ten un vencello estreito co ODS 17 ao contribuír, dende a base do activismo social, a fortalecer os medios de execución e a revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible.

A través desta campaña, queremos pór en coñecemento da comunidade universitaria os programas de voluntariado da Universidade de Vigo. Para participar, tan só tes que ser membro da comunidade universitaria (estudante, PDI ou PAS), querer participar nalgún proxecto de voluntariado e dispor dalgún tempo libre. 

Os beneficios de ser voluntaria ou voluntario son múltiples: serás protagonista e axente do cambio para mellorar o mundo, adquirirás experiencia persoal e habilidades profesionais que che abrirán portas no futuro, fortalecerás a túa autoestima... Ademais, se es estudante, poderás validar 30 horas de voluntariado por 1 crédito ECTS.

Atoparás máis información sobre os nosos programas de voluntariado aquí.
 

Para máis información, podes contactar con:

Campus de Vigo   
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
extension@uvigo.es

Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade   
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.es

Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade     +34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.es