Día Mundial da Saúde 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 06/04/2021

Co gallo da celebración do Día Mundial da Saúde, desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación queremos concienciar a comunidade universitaria sobre a importancia do obxectivo de desenvolvemento sostible número 3 da Axenda 2030. Este ODS fai referencia á saúde e ao benestar, un dereito humano que busca garantir que todas as persoas, en calquera lugar e con independencia do seu poder adquisitivo, poidan acceder aos máis altos niveis de saúde e de asistencia sanitaria. 

A pesar dos avances mundiais na mellora da saúde de millóns de persoas, do aumento da esperanza de vida e da redución de moitas das causas de mortes comúns asociadas á mortalidade infantil e materna, as desigualdades continúan a ser evidentes nesta materia.

A día de hoxe máis de cinco millóns de nenos e nenas morren cada ano antes de cumprir os cinco anos. A África Subsahariana e a Asia Meridional son algunhas das rexións onde o número de mortes é o máis elevado. 

A sida é a principal causa de morte na adolescencia en África e a segunda máis común en todo o planeta.

No mundo, as mulleres adolescentes e xoves afrontan desigualdades de xénero, exclusión, discriminación e violencia que lles fan correr un maior risco de contraer o VIH. A taxa de mortalidade materna nas rexións en desenvolvementos é aínda 14 veces maior que nas rexións desenvolvidas. 

A nova crise mundial sanitaria derivada da covid-19 deu lugar a novas desigualdades, desestabilizou a economía, limitou a acción sanitaria no mundo e contribuíu a agravar a situación das comunidades máis vulnerables e máis expostas ás enfermidades. 

Como indica a Organización Mundial da Saúde (OMS) na súa campaña deste ano, estas desigualdades non só son inxustas senón que tamén son evitables. Por iso cómpre esixirlles aos gobernos e a quen ten a responsabilidade de adoptar decisións que garantan que todas as persoas teñan unhas condicións de vida e de traballo que favorezan a boa saúde. Ademais é preciso investir en saúde para garantir a cobertura sanitaria universal.
 

 Fotografía de Laura Triñanes García.

 

Obxectivo de desenvolvemento sostible 3 "saúde e benestar"

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36300 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal