DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co lema 'Sempre UVigo', as pezas audiovisuais animan á aprendizaxe continua

Na súa nova campaña de comunicación, a UVigo reivindícase como punto de encontro en calquera etapa da vida 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 10/06/2022

A idea do espazo universitario como punto de encontro en calquera etapa da vida, resumida no eslogan Sempre UVigo, centra a campaña de comunicación deste ano da Universidade de Vigo. “Nas pezas audiovisuais queremos reflectir, por unha banda, a importancia do sentimento de pertenza máis aló da época do grao e, por outra, que nos tres campus somos o fogar de toda a comunidade da Universidade de Vigo”, explica Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais en funcións. Dirixida fundamentalmente a mozas e mozos de entre 17 e 23 anos da comunidade autónoma de Galicia, cun reforzo especial nas zonas nas que se atopan os tres campus, a campaña desenvolverase entre os meses de xuño e xullo, co obxectivo de posicionar a Universidade de Vigo como primeira opción do estudantado universitario para realizar os seus estudos.

“Persoas de diferentes idades cursan a nosa oferta formativa e iso plásmase nos planos dos vídeos, interpretados novamente por estudantes de diferentes centros propios. A invitación a esa aprendizaxe continúa, así como a sensación de cordialidade nese camiño, entroncan coa liña argumental dos anos precedentes nos que falabamos de ‘medrar contigo’ ou de ‘vivir UVigo”, detalla Valderrama, que tamén destaca que con esta nova campaña de comunicación se pretende “levar a institución alá onde vaiamos e de volver cando queiramos para continuar ese crecemento persoal e buscar actividades novas de actualización de contidos que nos enchan”.

Aposta polos medios dixitais e a publicidade exterior

Co obxectivo de acadar a máxima cobertura posible, a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais volver apostar polos medios dixitais e a publicidade exterior. “Internet permite capacidade de segmentación, medición en tempo real e un baixo custo por impacto; en canto á publicidade exterior, achega cobertura, notoriedade e visibilidade, así como segmentación xeográfica”, detalla Mónica Valderrama. 

A campaña dixital estrutúrase en dúas fases, de acordo coas datas das convocatorias ordinaria e extraordinaria da ABAU e cos períodos clave de busca de carreiras universitarias e de matriculación. A primeira abrangue do 13 o 30 de xuño, centrándose na promoción da marca (branding) a través de creatividades de campaña con acceso a toda a información complementaria no portal institucional para as persoas interesadas. Para iso, empregaranse anuncios con funcións avanzadas como vídeo, son e outros complementos para atraer a público obxectivo e lograr interacción (rich media) en compra programática e contextual, e tamén as redes sociais Instagram, Youtube, TikTok, Spotify e Twich. Mentres, do 18 ao 29 de xullo, desenvolverase unha fase de recordo máis focalizada para reforzar a mensaxe a través da compra programática.

“En xuño e xullo seguiremos apostando pola publicidade nos autobuses en Ourense, Pontevedra e en Vigo, porque, polo seu dinamismo e a súa visibilidade, son un soporte moi eficaz que non pasa desapercibido por ofrecer unha gran notoriedade debido ao seu tamaño e por estar en continuo movemento. Ademais destas accións, a campaña compartirase de xeito orgánico nos medios sociais institucionais (Facebook, Instagram, Linkedin, Twitter e Youtube)”, sinala a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais en funcións.

Potenciación do Grao en Turismo e proxección da imaxe da UVigo do gallo da ABAU

Paralelamente ao desenvolvemento a campaña de comunicación e cun plan de medios moi semellante, potenciarase o Grao en Turismo ao abeiro dun convenio asinado entre a Universidade e a Deputación de Ourense o pasado 24 de marzo. “En liña coa campaña institucional SempreUVigo, a promoción da titulación ten ao estudantado como protagonista para transmitir, de xeito xeral, as vivencias da etapa do grao na vida e o sentimento de pertenza á UVigo e, en particular, para amosar todas as  fortalezas e as oportunidades desta titulación”, explica Mónica Valderrama.

Así mesmo, desde esta semana, co gallo da celebración das probas da ABAU nos centros da UVigo, a imaxe da campaña amósase en todos as facultades e escolas a través da cartelaría impresa e nos diferentes soportes interiores e exteriores como pantallas informativas,  expositores e autobuses do parque móbil.