DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inclúe alemán, inglés, italiano, portugués e española como lingua estranxeira

O Centro de Linguas lanza un catálogo de cursos de cinco idiomas

O prazo de matrícula está aberto ata o 25 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
DUVI 12/09/2022

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo ofertará no primeiro cuadrimestre do curso 2022-2023 cursos de cinco idiomas (alemán, inglés, italiano, portugués e española como lingua estranxeira) e de diversos niveis. A docencia, como vén sendo habitual dende a pandemia da covid-19 será esencialmente virtual ou semipresencial, tratando así de facilitar que o alumnado poida compaxinar os horarios e compatibilizar as clases con outras actividades.

A inscrición está aberta ata o 25 de setembro para persoas maiores de 16 anos que queiran aprender, mellorar ou acreditar o seu nivel de dominio da lingua, tanto se forman parte da comunidade universitaria da Universidade de Vigo como se son persoas alleas á institución. As principais novidades desta convocatoria son cursos específicos de alemán e inglés. No que respecta ao alemán, ofértase o curso Aprende alemán viaxando, pensado para aquelas persoas que queiran participar nun programa de mobilidade cunha universidade alemá, que vaian asistir a un congreso ou mesmo que vaian facer turismo e precisen coñecer conceptos básicos para desenvolverse durante a súa estadía. No que se refire ás novidades de inglés, ofértase un curso de conversa de nivel intermedio para alumnado que xa acreditou un nivel intermedio de inglés e quere mellorar a súa expresión oral antes de avanzar. Tamén se lanza o curso Hold on to your English, para o alumnado que xa acadou un alto nivel de inglés e está interesado en manter o seu nivel cunha sesión semanal de conversa nun entorno distendido e, finalmente, un obradoiro de pronuncia para solucionar dúbidas ou eivas na pronuncia do inglés. Estas tres opcións desenvolveranse en modalidade presencial no campus de Vigo.

Oferta completa

Así, para este primeiro cuadrimestre o Centro de Linguas oferta diferentes niveis e modalidades en cinco idiomas. As persoas interesadas en formarse en alemán poderán elixir entre un curso semipresencial de nivel A1.1 e outro virtual de A2.1, ademais da nova aposta para aprender alemán viaxando.

En lingua inglesa, impartiranse cursos semipresenciais dos niveis B1.1, B2.1 e C1.1 e en modalidade virtual de A2.1, B1.1, B2.1, C1.1 e C2.1. A estes súmanse as tres novidades de conversa de nivel intermedio, o curso Hold on to your English e o obradoiro de pronuncia. Todos estes cursos terán continuación no segundo cuadrimestre, cando se realizan os exames de acreditación de nivel incluídos no curso. No caso da lingua italiana, ofértase un curso virtual de nivel A1 e para o portugués, un curso virtual de iniciación de nivel A2. Finalmente, a oferta do CdL complétase co Español Lingua Estranxeira, ELE, do que se ofertan cursos presenciais dos niveis  A1, A2, B1 e B2 e virtuais de B1 e B2.

Estes cursos están destinados ao alumnado internacional que chega á Universidade de Vigo para estudar materias en castelán pero precisa mellorar o seu nivel para empregar a lingua na redacción de traballos escritos, en presentacións orais de carácter académico etc. e tamén ao alumnado que vén estudar materias en inglés ou materias English-friendly pero ao mesmo tempo precisa adquirir nocións de castelán.

Exames para os membros da comunidade universitaria

Ademais dos cursos formativos nos diferentes idiomas, o Centro de Linguas ofrece tamén á comunidade universitaria e ao público en xeral a posibilidade de acreditar os seus coñecementos de idiomas a través de diversas convocatorias de exames oficiais.

Así, por unha banda, realízanse dúas convocatorias anuais do exames CertAcles, que comprende unha acreditación con validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Durante o primeiro cuadrimestre, a convocatoria terá lugar o 27 de outubro (B1) e o 28 de outubro (B2).

Outras das convocatorias son os exames propios do Centro de Linguas, unha acreditación expedida pola Universidade de Vigo tras superar os exames dos cursos de alemán, ELE, italiano ou portugués en decembro ou en maio.

A través do CdL tamén se pode realizar os exames deTOEFL, unha acreditación con validez nos Estados Unidos e na maioría das institucións educativas do mundo. Na Universidade de Vigo, o Centro de Linguas administra unha media de cinco convocatorias anuais, que durante este curso que comeza terán lugar o 17 de setembro, 10 de decembro, 14 de xaneiro, 11 de febreiro e 6 de xuño.

Finalmente, tamén se ofrece a posibilidade de obter o DELE (Diploma de Español Lingua Estranxeira), unha proba do Instituto Cervantes para todas aquelas persoas non castelán-falantes que precisen acreditar o seu nivel de castelán. Ao longo do curso académico, adminístranse na Universidade de Vigo catro convocatorias, estando xa concretadas as dúas primeiras datas: 9 de setembro e 19 de novembro.

Formación do profesorado

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo imparte tamén un curso de formación de profesorado recoñecido polo Instituto Cervantes Iniciación á ensinanza de ELE, dirixido a persoas que queiran comezar a súa vida profesional ensinando a súa lingua noutros países ao mesmo tempo que aprenden outras linguas ou amplían os seus estudos.