DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xestión da calefacción e da climatización e axuste da iluminación, accións prioritarias

A UVigo aplica desde hoxe un plan de medidas urxentes para reducir entre un 25 e un 30% o consumo enerxético actual 

O Consello de Goberno aprobou rexeitar a tramitación da modificación do Grao en Publicidade 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/09/2022

Tras ser aprobado por asentimento no Consello de Goberno celebrado este mediodía, a UVigo aplicará desde hoxe un Plan de medidas urxentes de aforro enerxético co obxectivo de acadar unha redución de entre un 25 e un 30% do consumo enerxético actual. A xestión da calefacción e a climatización dos edificios, a prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, o apagado de equipos cando non se utilicen e o axuste da iluminación interior e exterior, son as principais medidas de aforro enerxético contempladas no Plan de medidas urxentes, que precede, a partir do vindeiro curso 2023/2024, e logo de debater e acadar os acordos precisos no seo da comunidade universitaria, á aplicación de medidas estruturais, como serán a planificación xeral da actividade universitaria entre as 8.00 e as 18.00 horas ou a centralización en menos edificios das actividades que se prestan en fins de semana ou días non lectivos. “Son medidas boas con independencia do prezo da enerxía, porque non podemos desperdiciala e temos que dar exemplo”, dixo o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que avanzou que as medidas destinadas reducir o consumo enerxético “viñeron para quedarse”.

A presentación das accións incluídas no Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, así como das accións estruturais que o equipo de Goberno da UVigo prevé implantar no vindeiro curso, centraron a sesión ordinaria que o Consello celebrou este mércores e na que con 37 votos en contra, un a favor e un en branco, se acordou rexeitar a tramitación da modificación do título de Grao en publicidade e relacións públicas. A decisión do decanato da Facultade de Comunicación, logo do aprazamento da votación deste punto no Consello de Goberno do pasado xullo na procura dun acordo, de manter a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española, galega e socioloxía, concluíu hoxe co rexeitamento maioritario do órgano de goberno da UVigo a aprobar a tramitación da modificación do grao proposta polo decanato do centro do campus de Pontevedra.

 A sesión ordinaria de hoxe comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa deu a coñecer a nova estrutura de Xerencia e de cargos adxuntos ao reitor, co que enfrontará a modernización administrativa, tanto de procedementos, como informática, e o desenvolvemento da nova RPT. Un informe no que tamén avanzou que a UVigo solicitará á Xunta de Galicia algo máis de 53 millóns de euros en concepto de financiamento de infraestruturas no período 23-26 e que inclúe, entre outras actuacións, a nova Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o edificio de Intelixencia Artificial, no campus de Ourense; o edificio modular na parcela de Tafisa e a reforma de CC da Educación e do Deporte en Pontevedra e as actuacións nos edificios Faraday, Siemens e Morse da ETEA e en atlanTTic no campus de Vigo. 

Medidas urxentes para enfrontar un reto derivado da crise enerxética mundial 

O adxunto ao reitor para as enerxías renovables e infraestruturas, Jacobo Porteiro, foi o encargado esta mañá de presentar ante os membros do Consello o Plan de medidas urxentes de aforro enerxético da Universidade de Vigo, que lembrou, leva anos apostando de xeito decidido polas enerxía renovables e a eficiencia enerxética, co dobre obxectivo de acadar unha importante redución do impacto da súa actividade sobre o medio ambiente e de lograr unha menor exposición á escalada dos prezos da enerxía. O plan presentado hoxe, que se completará o vindeiro curso 2023/2024 co Plan de medidas estruturais, e co Plan de sustentabilidade da UVigo (Suvi), que ten o obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono total nun 9,5%, formulouse atendendo a catro factores clave: que as medidas teñan un efecto significativo na redución do consumo de enerxía; que non afecten á actividade académica; que preserven a salubridade e o confort dos postos de traballo do persoal e que manteñan plenamente o desempeño da actividade docente e investigadora. “O ano pasado gastamos, en números redondos, medio millón de euros en Gas Natural e 1.7 millóns de euros en electricidade, destacando que grazas ás instalacións de enerxía renovable que vimos instalando, o consumo vai en descenso ano tras ano. O problema é, que este ano multiplicouse por dous o prezo do kWh de Gas Natural e é previsible que haxa unha suba semellante do prezo da electricidade. Xa só en Gas Natural, este ano (2022) co consumo do 2021, teremos un gasto adicional de medio millón, e coas tarifas do 2023, subiremos 1.3 millóns de euros o gasto” detalla o adxunto ao reitor, que explica que “como nós non podemos actuar sobre o prezo, teremos que actuar sobre o consumo”.

Ao abeiro do eixo de Acción, o Plan de medidas urxentes de aforro enerxético da UVigo contempla sete accións básicas como a xestión da calefacción e da climatizacións dos edificios, prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, apagado de computadores, equipos e maquinaria cando no se utilicen, así como axuste da iluminación interior e exterior. O aceso á calefacción realizarase a partir do 1 de novembro e ata o 15 de abril e só nos días nos que a previsión meteorolóxica de Meteogalicia cumpra simultaneamente unha temperatura máxima exterior igual ou inferior a 18º C e unha mínima exterior igual ou inferior a 12ºC, coa excepción do caso do campus de Ourense, que por mor da súa maior oscilación térmica, se considerará habilitado para o uso da calefacción calquera día, dentro dos períodos establecidos, cunha mínima exterior igual ou inferior a 8ºC. A temperatura obxectivo de confort dos espazos interiores de ensino e traballo queda fixada nun máximo de 19ºC e establécense dous horarios de calefacción: no tramo de mañá de 7.00 a 12.00 horas e pola tarde de 15.00 a 19.00 horas, mentres que os edificios administrativos só terán calefacción no tramo de mañá. Outras medidas contempladas neste apartado son que non se climatizarán os espazos de circulación dos edificios e que as fins de semana a calefacción permanecerá apagada. En todo caso, a calefacción manterase o tempo necesario nos laboratorios, animalarios, etc. que o requiran. “Non falamos de que vaiamos pasar frío nos postos de traballo, pero debemos adaptar medidas para non malgastar enerxía. Hai que abandonar malos hábitos e para acadar un novo equilibrio temos que imprimir un forte pulo na dirección do aforro”, dixo Porteiro.

En canto ao uso do aire acondicionado, a temperatura obxectivo de confort será de 27ºC, establecéndose o período de uso entre o 1 de maio e o 30 de setembro, limitado aos días nos que a previsión meteorolóxica cumpra simultaneamente cunha máxima exterior igual ou superior a 28ºC e unha mínima exterior igual ou superior a 16ºC. Polo demais, queda prohibido o uso de calefactores individuais eléctricos co fin de evitar o elevado custo derivado do seu uso, ineficacia enerxética e risco de incendio; os equipos informáticos, instrumentación científica e resto de equipamento de alimentación eléctrica debe apagarse fóra dos horarios de apertura dos edificios, aínda que quedan excluídos aqueles que requiran de conexión continuada por razóns docentes e investigadoras; deberán desconectarse os termos eléctricos e quentadores de auga instantáneos en aseos e laboratorios e apagarase a achega de calor nas cortinas de aire.

No caso da iluminación interior e exterior, axustarase solicitándolle a toda a comunidade universitaria, e en especial ao persoal da conserxerías, que apaguen a iluminación nos espazos nos que non se use no caso de interiores, mentres que no exterior, limitarase e regularase a intensidade nas zonas de aparcadoiro nas horas centrais da noite e nas zonas de pistas deportivas nos períodos sen ocupación reservada. Pola súa banda, as medidas descritas nos eixos de organización e de sensibilización do Plan contemplan, entre outras, a continuidade dos peches por motivos de aforro enerxético en Semana Santa e verán, estudándose a posibilidade de aplicalo tamén algúns días de Nadal e fin de ano; o control do consumo completando a implantación dun sistema de monitorización de consumos e produción de enerxía en todos os edificios da universidade; accións específicas para o servizo de limpeza e recomendacións para todas as persoas usuarias da institución para que apaguen as luces ao abandonar as dependencias, axustar os termostatos a temperaturas axeitadas ou usar as escaleiras en lugar dos ascensores.

As medidas presentadas este mediodía motivaron algunhas intervencións dos membros do Consello, como a representante sindical Marta Pazos que mostrou a súa preocupación pola diferenza de temperatura que se rexistra entre o campus de Vigo e o centro da cidade, que é onde Meteogalicia rexistra a temperatura que difunde publicamente. Pola súa banda, o representante do alumnado Manuel Diz demandou o control do cumprimento destas medidas, mentres que o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, confirmou que se poderán seguir a utilizar deshumidificadores alí onde sexa preciso. Pola súa banda, o representante sindical Carlos Mollinedo interesouse polo destino da produción das instalacións fotovoltaicas, mentres que a directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, solicitou a adopción de medidas para mellorar o illamento dos edificios e evitar as perdas de enerxía. Mentres, o vicerreitor de Relacións coa empresa, José María Martín Moreno, interveu para advertir do risco económico derivado do incremento do prezo da enerxía, ao tempo que apelou a aforrar. 

A Vicerreitoría de Planificación e Sustentabilidade será a encargada de realizar o seguimento e avaliación do Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, que queda aberto para que se poidan establecer novas medidas de aforro e modificar propostas. 

Plan de medidas estruturais para o vindeiro curso

No Consello celebrado hoxe, tanto o reitor, como o seu adxunto para as enerxías renovables e infraestruturas, Jacobo Porteiro, tamén avanzaron as liñas mestras do Plan de medidas estruturais que o equipo de Goberno prevé implantar para o vindeiro curso e co que, en paralelo ao aforro enerxético, a UVigo pretende afondar na racionalización de horarios e a mellora da conciliación. “Trátase de medidas disrruptivas que nos levarían a repensar toda a actividade”, dixo o reitor, que lembrou que o horario maioritario implantado nas universidades europeas é de 8.00 a 17.00 horas. Reigosa asegurou que estas medidas se negociarán cos representantes das e dos traballadores e cos centros, e que é consciente de que nalgúns vai ser imposible de aplicar. En calquera caso, “compre repensar os horarios. Nós non sacaremos unha resolución reitoral para pechar ás 19.00 horas porque consideramos que é contraproducente”, dixo o reitor.

Pola súa banda, Jacobo Porteiro, tamén incidiu na importancia de centralizar nalgúns edificios os servizos que se prestan en fins de semana e días non lectivos. “Este é un cambio moi profundo e temos que empeza a debater desde o punto de vista de cada centro”, dixo.

Nova estrutura xerencial e de adxuntos ao reitor

No seu informe ante o Consello, Manuel Reigosa presentou este mércores ás persoas integrantes do novo equipo xerencial, encabezado pola xerenta Yolanda Lesmes e que completan dúas  vicexerentas: Cristina Gallego (responsable de Coordinación académica) e Mercedes Carracedo (Asuntos Económicos) e os vicexerentes de Investigación, Anxo Moreira, e de Persoal, Ángel Nieto. Así mesmo, Reigosa, que non descartou a incorporación dun novo vicexerente para a modernización tecnolóxica, deu a coñecer os tres cargos adxuntos ao seu: adxunta ao reitor para procedementos de contratación e modernización administrativa (Patricia Valcárcel); para a dixitalización (José Pazos) e para enerxía renovables e infraestruturas (Jacobo Porteiro). Trátase, segundo dixo o reitor, “dunha estrutura complexa para abordar a mudanza da administración e a xestión”, retos que definiu como monumentais e que inclúen, por exemplo, mudar os  sistemas informáticos pasando de Xescampus a Sigma; organizar os procedementos; desenvolver a nova RPT e realizar unha modernización administrativa, que arrincaría este ano coa contratación dunha empresa externa que estude os 200 procesos máis importantes ou cun acordo sobre o teletraballo e remataría en 2024 co establecemento dunha primeira proposta de negociación, prazas a extinguir, novos servizos, reordenación das áreas de apoio, etc.

Por outra banda, Manuel Reigosa avanzou que a UVigo solicitará á Xunta de Galicia algo máis de 53 millóns de euros en concepto de financiamento de infraestruturas no período 23-2, incluíndo, entre outras actuacións, a nova Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o edificio de Intelixencia Artificial, no campus de Ourense; o edificio modular na parcela de Tafisa e a reforma de CC da Educación e do Deporte en Pontevedra e as actuacións nos edificios Faraday, Siemens e Morse da ETEA e en atlanTTic no campus de Vigo. 

Así mesmo, o reitor deu conta no seu informe do interese a da UVigo na implantación de novos graos, así como de títulos que poidan incorporar unha mención dual. No caso do campus de Ourense, o reitor confirmou a presentación de Campus Auga para a súa acreditación, así como da programación relacionada con edificios na que planta piloto do Cacti no edificio de Campus Auga é a principal prioridade, seguida do edificio para a Escola de Enxeñaría Aeroespacial e o de Intelixencia Artificial. Por outra banda, no caso da ubicación da sede de Axencia estatal de IA lembrou que a UVigo propón La Molinera, ao tempo que lembrou as vantaxes que considera que a cidade de Ourense presenta fronte a outras propostas.

Mentres, en relación co campus de Pontevedra, sinalou que unha vez teñan resposta sobre a proposta de especialización de Campus Auga, comezarán cos traballos para a acreditación do campus de especialización de Pontevedra, onte tamén apuntou que unha vez aclarada a dispoñibilidade dos terreos de Tafisa, programarase o edificio para Deseño e Administración e xestión pública. Reigosa deu conta do encontro mantido co alcalde da cidade e da distribución dos andares do edificio de Benito Corbal, así como dos traballos de rehabilitación da carpintería exterior da Facultade de Belas Artes. 

Rexeitada a modificación do Grao en Publicidade e relacións públicas

Con 37 votos en contra, un a favor e un en branco, o Consello de Goberno da UVigo acordou hoxe rexeitar a tramitación da modificación do título de Grao en publicidade e relacións públicas. A decisión do decanato da Facultade de Comunicación, logo do aprazamento da votación deste punto no Consello de Goberno do pasado xullo na procura dun acordo, de manter a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española, galega e socioloxía, concluíu hoxe co rexeitamento maioritario do órgano de goberno da UVigo a aprobar a tramitación da modificación do grao proposta polo decanato do centro do campus de Pontevedra.

Antes da votación, en nome dos departamentos de Filoloxía galega, Lingua española, Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, o catedrático Xosé Henrique Costas reiterou o rexeitamento a unha proposta que cualificou de “suicida”, na que o galego desaparece como materia “privando así o alumnado do coñecemento específico do tecnoleto publicitario e comunicativo galego, cousa que non ocorre na USC nin en ningunha universidade de territorios de dobre oficialidade”, dixo. Costas, que lamentou que a decana da Facultade de Comunicación volvese presentar a modificación “sen mover unha coma”, asegurou que “nun grao de comunicación coma este, sen o dominio especializado oral e escrito das linguas de traballo, mal se poden formar os mellores comunicadores. E sen a formación do pensamento crítico a nivel socio- político que proporciona a Socioloxía non hai capacidade de comprensión de ningún fenómeno social, comunicativo, publicitario ou humano”. O catedrático, que gabou a profesionalidade dos docentes Benigno Fernández, Ana Fernández e Xesús Laxe, lamentou que se quixera “facerlle un sitiño aos pupilos dalgúns. Esta é a realidade”, asegurou. 

Pola súa banda, director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, José Rúas, recoñeceu a importancia de que a lingua galega e española estean na comunicación, “pero tamén a socioloxía, a psicoloxía, pero os plans de estudos de comunicación, teñen que ter materias específicas de comunicación”. Rúas que avogou por negociar e chegar a acordos, afirmou que “a lingua é comunicación, pero a comunicación non está como debería na lingua, nin noutras moitas titulacións”, asegurou.

Outros puntos da orde do día

Na sesión de hoxe, o órgano de Goberno acordou aprobar unha actualización da Normativa de actividades titoriais no punto correspondente ao horario de atención das mesmas que se cambia ao horario de apertura do centro, así como da incorporación de figuras investigadoras que non estaban inicialmente contempladas e que deben ter asignadas horas de titorías. Ademais, se actualiza o número de horas que lle corresponden. Por asentimento tamén se aprobaron modificacións do Estatuto do estudantado deportista e o Regulamento de réxime interno da Facultade de Historia.