DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos textos anónimos reunidos na campaña ‘Eu coñezo alguén que’

Preto de 200 testemuños do carácter estrutural da violencia machista espállanse por Ciencias da Educación e do Deporte

A actividade completouse coa presentación da curta dunha alumna

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/11/2022

“Eu coñezo alguén que sufriu abusos sexuais aos 12 anos”. “Eu coñezo alguén que foi perseguida pola rúa”. “Eu coñezo alguén que nega o maltrato que recibe pese a ser evidente”. Estes son algúns dos testemuños anónimos dirixidos a pór o foco no carácter estrutural da violencia machista que este xoves poden lerse nas paredes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Con motivo da conmemoración, mañá venres, do Día Internacional da Violencia contra a Muller, a Comisión PEA Unesco e a Delegación de Estudantes da facultade promoveron a campaña Eu coñezo alguén que, na que se animaba o alumnado a plasmar nunha folla de papel un “testemuño anónimo e en terceira persoa dalgún feito que consideredes que forma parte desa violencia estrutural que nos dana”, como sinalaron as súas promotoras. A iniciativa permitiu reunir preto de 200 textos, que foron colocados en diferentes puntos da facultade nunha xornada na que a presentación desta proposta completouse coa da curta El otro día pasó de nuevo, da estudante Antía García.

“A idea é que axude a tomar consciencia de que a violencia de xénero existe nun contexto como o de agora, no que hai xente negándoa”, subliña a profesora Rexina Vega, promotora desta actividade xunto coa Delegación de Estudantes. Con esa idea, os testemuños “anónimos e en terceira persoa”, no que as alumnas falaban tanto de episodios sufridos por elas mesmas como por persoas da súa contorna, emprazáronse polos corredores e espazos da facultade xunto cunha serie de carteis que denunciaban situacións de desigualdade partindo tamén da frase “eu coñezo alguén que”.

Esta serie de testemuños foron depositados ao longo da semana nunha urna situada na entrada da facultade, co obxectivo de “expor o estado da cuestión”, xerando “unha imaxe do aquí e do agora que nos axude a tomar conciencia e a loitar pola verdadeira igualdade”, como sinalaba o texto de presentación dunha iniciativa que propuña “axudármonos entre todas a coñecer o verdadeiro alcance da discriminación”.

Facer visible unha realidade

Xunto a presentación desta campaña, o acto completouse coa proxección de El otro día pasó de nuevo, unha curtametraxe realizada por Antía García a partir dun poema que escribiu baseándose en “experiencias propias e de coñecidas que sufriron algún tipo de violencia de xénero”. Coa idea de convertelo nun “poema visible, co que a xente vira que isto realmente está ocorrendo”, Garcia levou a cabo este traballo xunto cos seus compañeiros e compañeiras de facultade e dos estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual Uxía Soutullo, Pablo Rodríguez, Camila González e Alfonsina Campos, que exerceron como produtores.