DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Festivo na institución, será este venres ás 12.00 horas en Ciencias Económicas e Empresariais

Premio para as alumnas e alumnos máis excelentes na celebración de San Tomé

O acto poderá seguirse en directo a través de UVigoTV

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 23/01/2023

A Universidade de Vigo celebrará este venres, día 27, o seu patrón, San Tomé de Aquino, e farao, como é tradicional, premiando ás súas alumnas e alumnos máis excelentes. Será, como xa é tradicional, ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias nunha xornada festiva na institución. Pendentes de aprobación no Consello de Goberno de mañá martes, a previsión é entregar 54 premios extraordinarios de grao e 22 premios extraordinarios de doutoramento, xunto cos seis premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster, e as distincións aos mellores expedientes do alumnado de novo ingreso, tanto de grao como de mestrado.

A celebración, que poderá seguirse en directo a través da canle 1 de UVigoTV, arrancará coa entrada da comitiva e unha breve intervención músical, á que lle seguirá a apertura do acto por parte do reitor Manuel Reigosa e a intervención do secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, que será o encargado de ir chamando unha a unha ás persoas premiadas. Tras a entrega de medallas e insignias terá lugar unha nova actuación musical e a cerimonia completarase co discurso do reitor e coa actuación musical, que nesta ocasión correrá a cargo do Trío de corda da Orquesta Clásica de Vigo, composto por Manuel Sabucedo (violín), Chiara Morstabilini (viola) e Margarida Mariño (violonchelo), acompañado no Gaudeamus Igitur pola soprano Mila Ut.

Ao ser xornada festiva na Universidade todos os centros dos tres campus permanecerán pechados, a excepción da propia facultade na que se celebra o acto, que abrirá de xeito exclusivo para acoller esta celebración, á que asistirán numerosos membros da comunidade universitaria, xunto con familiares e amigos das persoas premiadas.