Vicerreitoría e Concello promoven tres concertos con entrada libre no Teatro Principal

O campus busca pór en valor a música feita en Galicia cun ciclo de concertos

Coa participación de Mediarea, Flow do Toxo e a big band do obradoiro Carlos Barruso

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/09/2024

“O que intentamos é por en valor a música e os artistas da nosa terra”, sinalou a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, na presentación este martes dunha nova edición do Ciclo de Música para reCREAr, que nas próximas semanas achegará ao Teatro Principal os grupos Mediarea e Flow do Toxo e a big band e o coro do Obradoiro de música moderna Carlos Barruso. Con entrada gratuíta e aberto a toda a cidadanía, trátase dun ciclo promovido pola Vicerreitoría coa colaboración do Concello de Pontevedra, que busca reunir “diferentes xéneros musicais” e pór en valor a cultura como “unha parte fundamental” do proxecto de especialización Campus Crea, como sinalou Lantarón.

Xunto a vicerreitora, esta programación foi presentada polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. Este ciclo insírese nas iniciativas promovidas ao abeiro do convenio de colaboración entre a UVigo e o Concello para o fomento de actividades culturais e creativas, recentemente renovado ata 2027, o que garante a continuidade desta programación, como lembrou a vicerreitora. “Colaborar coa Universidade é moi doado”, engadiu Gómez, que destacou o “privilexio” que supón para Pontevedra contar coa institución académica “programando actividades para toda a cidadanía e coas que se xera un punto de encontro entre o alumnado universitario e o resto da veciñanza”.  

Tres actuacións en setembro, outubro e novembro 

Programados todos para as 20.30 horas, o primeiro destes concertos correrá a cargo do grupo de música tradicional Mediarea e terá lugar o vindeiro mércores 18 de setembro. Integrado por Gael Pérez, á gaita e frauta; Luís Malvido, ao bombo; Zé Pumar, ao acordeón, e Rodri Martínez, ao tamboril, trátase dunha formación fundada en 2019 no Morrazo, “en principio co obxectivo de tocar no Carnaval do Hío”, explicou Torres. Mais desde entón continuou levando a súa aposta pola música tradicional por múltiples escenarios, como a final do certame Interritmos-Sons do Rural, no Náutico de San Vicente, e o pasado ano presentaba o seu primeiro disco, Sebo de Ghrilo.

A seguinte cita será o mércores 16 de outubro e terá como protagonista a Flow do Toxo, “un grupo musical con base no rap, que fusiona diferentes estilos musicais” e que foi impulsado por catro mulleres que “proveñen da música tradicional”, como lembrou o responsable de Cultura do campus. Xurdido en 2018 na comarca de Paradanda, trátase dunha formación “cun punto forte de reivindicación e protesta desde o rural transfeminista”, integrado polas rapeiras, cantareiras e pandereteiras Xianonneva, Lauris e Silvia de Taboexa, xunto coa rapeira, corista e dj Olivina. Tras gañar en 2019 o premio do público do certame Youtubeir@s polo seu videoclip Flow do Toxo, recentemente publicaban o seu primeiro disco Aquí están as que ghritan.

Finalmente, Música para reCREAr pecharase o luns 4 de novembro “cunha actuación moi especial”, como apuntou Torres. Este concerto reunirá no Teatro Principal as e os preto de 30 integrantes da big band e do coro nacidos do Obradoiro de música moderna Carlos Barruso, unha agrupación xurdida no Concello da Estrada, como lembrou Torres, “a partir dunha desgracia”. Esta foi a diagnose dunha “grave enfermidade” ao músico que lle dá nome, un saxofonista afincado neste municipio, o que motivou a posta en marcha dun obradoiro que dese continuidade ao seu labor formativo no eido da música moderna e que servise á súa vez como un xeito de reivindicar o legado musical que deixou nos seus alumnos e alumnas.