Manifestos da RUIGEU e da CRUE

25N

Pílulas de igualdade

Universidade / UVigo - Igualdade 22/11/2019

Pílulas de igualdade

De cara ao 25N, Día Internacional contra as violencias machistas, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo receita algunhas “pílulas de igualdade”. O obxectivo é a prevención da violencia machista e a sensibilización ao estudantado sobre o uso inaxeitado das novas tecnoloxías, con especial fincapé na exercida a través das redes sociais nas súas diferentes vertentes (stalking, sexting, grooming etc.). Como telón de fondo, os estereotipos e as violencias contidas nos mass media e na cultura mainstream.

Slutshaming: Criticar, culpabilizar e sinalar as rapazas por portarse de xeito percibido como promiscuo ou fóra dos roles de xénero, o que se penaliza sen o seu consentimento. O que pasa na festa, queda na festa ;-)

Cultura da violación: Este termo fai referencia ás formas nas que a sociedade culpa as vítimas e normaliza a violencia sexual, desde as formas máis sutís (micromachismos, abusos...) ás máis explícitas (maltrato, violación, asasinato...) hai unha serie de chanzos que non debemos consentir. Non mires para outro lado!

Control: Controlar o que fai a túa parella nas redes sociais, preguntar por que lle deu Gústame a alguén ou por que puxo unha foto en biquini... Non é controlar en igualdade.

Tamén houbo mulleres! Ao mellor non veñen nos libros nin no temario, pero tamén houbo mulleres científicas con mentes brillantes que contribuíron a grandes achádegos e foron silenciadas por razón de xénero. Sexas profe ou estudante, animámoste a buscalas e reivindicalas.

Sexting: Difundir entre outras persoas imaxes con contido erótico que alguén che enviou a ti e só a ti está castigado pola lei. Non sexas chungo!

Axúdanos a espallalas!

ver pílulas de igualdade
 

Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria

As universidades integrantes da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) unímonos arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para denunciar a persistencia e as novas formas de violencia machista e esixir que a erradicación da violencia de xénero pase a ser prioritaria nas axendas políticas, económicas e sociais.

Desde as universidades asistimos con perplexidade a que, desde certas posicións políticas e sociais, se negue ou se xustifique a violencia machista, a pesar de todas as evidencias empíricas que unha e outra vez as desmenten. Ademais, interpelamos os homes para que digan «Basta», rompendo o silencio cómplice coa crueldade dos que son maltratadores e coa violencia cara ás súas vítimas. 

Os datos dos feminicidios na nosa sociedade, o asasinato dos fillos e fillas das vítimas como forma de «violencia vicaria», as custodias parentais aos maltratadores, as agresións sexuais, a desprotección xurídica das mulleres denunciantes, o tráfico de mulleres e de nenas con fins de explotación sexual, o acoso sexual, a mercantilización do corpo das mulleres, a súa cousificación, o auxe da pornografía como referente de relación sexual para moitos e moitas adolescentes sen alternativa educacional adecuada, a misoxinia reaccionaria de determinados sectores da nosa sociedade, os modelos de masculinidades «tóxicas» e o sexismo socioambiental, son realidades alarmantes e preocupantes. Fronte ás diversas expresións da violencia machista dispoñemos de dúas ferramentas que, a modo de compases morados, están a marcar o camiño que cómpre seguir: o Convenio de Estambul (ratificado polo Estado español en 2014) e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero (Real decreto lei 9/2018, do 3 de agosto, de medidas urxentes para o seu desenvolvemento). 

Neste momento político e histórico en que o clamor social arredor de «Irmá, eu si te creo», #Niunhamenos ou #MeToo, as universidades, como xeradoras e transmisoras de coñecemento crítico, pero tamén de valores, debemos (e podemos) converternos nun referente de igualdade para toda a sociedade. Facer visible os resultados das investigacións dos centros de estudos de xénero e feministas, o labor das unidades de igualdade, da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, do grupo de traballo de políticas de xénero dentro da Comisión Sectorial Crue-Sostenibilidade ou da recente figura da delegada da presidencia de Crue-Universidades Españolas para Políticas de Igualdade, son accións fundamentais para que a sociedade no seu conxunto comprenda o poder do coñecemento para transformar a realidade. 

A necesidade dunha integración estrutural e permanente da perspectiva de xénero na educación superior, a investigación e a transferencia de coñecemento manifestouse repetidamente ao longo deste ano para modificar os elementos patriarcais aínda existentes en certos ámbitos da nosa sociedade como a xustiza, a comunicación e a publicidade, a sociedade dixital, as industrias culturais e, por suposto, o propio ámbito académico e científico. 

Todas as comunidades autónomas deberían aproveitar o coñecemento e o potencial transformador das universidades para desenvolver de maneira eficaz as medidas propostas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, por medio da execución de accións de investigación, formación e sensibilización. 

A universidade está chamada a ser un referente de igualdade para toda a sociedade e a proporcionar novas formas de coñecemento desde unha epistemoloxía que dea lugar a teorías, políticas, pautas culturais e metodoloxías capaces de contribuír á erradicación da violencia contra as mulleres para avanzar así na utopía dunha sociedade máis xusta para todas e todos. 

E como referente de igualdade, a universidade debe constituírse en exemplo de loita contra a violencia machista que se poida dar no seu seo, garantindo –ademais– a protección e a reparación do dano ás eventuais vítimas.

Sen igualdade entre homes e mulleres non hai democracia; sen erradicación da violencia contra as mulleres, non hai xustiza.

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria.   

 

Manifesto da Crue Universidades Españolas pola eliminación da violencia contra a muller

Madrid, 25 de novembro de 2019

Crue Universidades Españolas, a través das súas unidades de igualdade, quere unirse arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, para denunciar a persistencia e as novas formas de violencia machista e esixir que a erradicación da violencia de xénero pase a ser prioritaria nas axendas políticas, económicas e sociais.

Desde as universidades asistimos con estupor a que, desde certas posicións políticas e sociais, se negue ou se xustifique a violencia machista, a pesar de todas as evidencias empíricas que unha e outra vez as desmenten. Así mesmo, interpelamos os homes para que digan «basta» para romper o silencio cómplice coa crueldade dos que son maltratadores e coa violencia cara ás súas vítimas.

Os datos dos feminicidios na nosa sociedade, o asasinato dos fillos e fillas das vítimas como forma de «violencia vicaria», as custodias parentais aos maltratadores, as agresións sexuais, a desprotección xurídica das mulleres que denuncian, o tráfico de mulleres e de nenas con fins de explotación sexual, o acoso sexual, a mercantilización do corpo das mulleres, a súa cousificación, o auxe da pornografía como referente de relación sexual para moitos adolescentes sen alternativa educacional adecuada, a misoxinia reaccionaria de determinados sectores da nosa sociedade, os modelos de masculinidades «tóxicas» e o sexismo socioambiental, son realidades alarmantes e preocupantes. Fronte ás diversas expresións da violencia machista dispomos de dúas ferramentas que, a modo de compases morados, están a marcar o camiño que se debe seguir: o Convenio de Istanbul (ratificado polo Estado español en 2014) e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Real decreto-lei 9/2018, do 3 de agosto, de medidas urxentes para o seu desenvolvemento).

Neste momento político e histórico de clamor social arredor de «Irmá, eu si créote», #Ninunhamenos ou #MeToo, as universidades, como xeradoras e transmisoras de coñecemento crítico pero tamén de valores, debemos (e podemos) converternos nun referente de igualdade para toda a sociedade. Visibilizar os resultados das investigacións dos centros de estudos de xénero e feministas, o labor das unidades de igualdade, da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, do grupo de traballo de políticas de xénero dentro de Crue-Sustentabilidade ou da recente figura da delegada da presidencia da Crue Universidades Españolas para Políticas de Igualdade, son accións fundamentais para que a sociedade no seu conxunto comprenda o poder do coñecemento para transformar a realidade.

A necesidade dunha integración estrutural e permanente da perspectiva de xénero na educación superior, a investigación e a transferencia do coñecemento manifestouse repetidamente ao longo deste ano para modificar os elementos patriarcais aínda existentes en certos ámbitos da nosa sociedade como a xustiza, a comunicación e a publicidade, a sociedade dixital, as industrias culturais e, por suposto, o propio ámbito académico e científico.

Todas as comunidades autónomas deberían aproveitar o coñecemento e o potencial transformador das universidades para desenvolver de maneira eficaz as medidas propostas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, mediante a implementación de accións de investigación, formación e sensibilización.

A universidade está chamada a ser un referente de igualdade para toda a sociedade e a proporcionar novas formas de coñecemento desde unha epistemoloxía que dea lugar a teorías, políticas, pautas culturais e metodoloxías capaces de contribuír á erradicación da violencia contra as mulleres para así avanzar na utopía dunha sociedade máis xusta para todas e todos.

E como referente de igualdade, a universidade debe construírse en exemplo de loitas contra a violencia machista que se poida dar no seu seo e, ademais, garantirlles a protección e a reparación do dano ás eventuais vítimas.

Sen igualdade entre homes e mulleres non hai democracia, sen erradicación da violencia contra as mulleres non hai xustiza.

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.es