27 de xuño, ás 20.00 h, en Pontevedra

IV Conversa sobre o Cambio Climático

Unidade de Cultura Científica e da Innovación

UVigo - Comunicación / UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / Universidade 25/06/2019

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e a de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, convida toda a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral a participar nunha nova actividade enmarcada dentro do seu plan anual de divulgación, “Unha Cuestión de Ciencia”.

Trátase da IV Conversa sobre o Cambio Climático e a primeira que se organiza en Pontevedra. Nesta ocasión, o catedrático de Economía e investigador do grupo REDE, Xavier Labandeira, e a xornalista de PontevedraViva, Natalia Puga, manterán unha conversa amena sobre a xestión socioeconómica do cambio climático. O evento desenvolverase o vindeiro xoves 27 de xuño nun entorno aberto, como é a terraza do café-bar Carabela (Praza da Estrela-Pontevedra), a partir das 20 horas.

Esta actividade pon de manifesto o compromiso da Universidade de Vigo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Este plan de acción global busca avanzar na prosperidade, na xustiza e na paz universal a través de 17 obxectivos, os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Concretamente, esta acción divulgativa vincúlase co ODS Acción polo Clima (13), co que se trata de adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.
Así mesmo, o obxectivo é achegar a ciencia e o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo ás rúas, aos lugares de encontro habituais da sociedade, para fomentar o seu interese e o seu coñecemento nesta materia.

Desde a UCC+i animámosvos a asistir e a compartir unha tarde diferente a prol da xestión sostible dos nosos recursos. 

Máis información:

Unidade de Cultura Científica e da Innovación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 263
ucc@uvigo.es