PRODUCIR A WEB E CREAR OS CONTIDOS FOI UN PROCESO COLECTIVO

O novo portal institucional da Universidade xa é unha realidade

Durante un tempo breve convivirá coa páxina anterior

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • TIC
  • A Universidade
Universidade 14/05/2018

Xa tes na túa pantalla o novo portal institucional da Universidade de Vigo. O traballo de produción comezou no outono do ano pasado. O desenvolvemento xuntou un amplo equipo con persoal interno e colaboradores externos. O proxecto, como calquera iniciativa desta dimensión, é coral: Empresas de deseño e comunicación, membros do PAS e do PDI, e persoas pertencentes ao goberno da institución forman o conxunto que está a levar a termo a iniciativa do xeito máis transparente posible. Desde as páxinas de Conectamos foise comunicando calquera paso dado, desde os deseños ata a organización dos contidos, desde os cambios nos procesos ata a forma de navegar ou presentar a información. Solicitouse a valoración de cada novidade e recolléronse as achegas que foron chegando. É un proxecto de moita xente, é un labor colectivo, de toda a comunidade.

O reto non é facer (só) unha nova web

Este fito, a publicación do portal, hai que entendelo como un chanzo máis nos cambios que afectan á forma de traballar, á universalización das aplicacións de xestión e á conexión destas coa web –de xeito que o compromiso de dato único e o non ter que meter dúas veces a mesma información sexa efectivo–, así como ao estilo e ton co que nos presentamos publicamente. É unha etapa máis no percorrido de conseguir unha comunicación e un acceso aos servizos máis eficiente.

A web funciona como un puzzle, recolle informacións das aplicacións de xestión e convérteas en comunicables. O sistema traballa con Xescampus, coa web de  Avisos, coas novas aplicacións de Normativa e de Convocatorias. Tamén coa que ordena as Xestións administrativas. O portal xa amosa dun xeito automático os cursos que se celebran, tanto os de Bubela como os de CulturXest, as actividades de todo tipo, incluíndo as deportivas de DeporXest, as novas do DUVI e os eventos da axenda. 

Estamos nun proceso sen volta de universalizar as aplicacións ao conxunto de todas as unidades administrativas e entidades que conformamos a Universidade de Vigo e facer que, deste xeito, flúa a información dunha maneira contrastada e coherente por toda a rede e que en calquera punto dela podamos interpretala e utilizala.

O mundo míranos a través da web

O novo portal amosa quen somos e como somos dun xeito máis moderno e transparente. Mostra os valores que nos definen, especialmente o de ser un proxecto común baseado na innovación permanente. Agora presentámonos dun xeito comprensible para quen se achega a nós, para quen é o obxecto do noso traballo diario.

Para organizar a información escollemos orientarnos aos posibles públicos, conformando unha nova forma de navegación máis evidente, lóxica e predicible, chea de axudas e de dunha dunha presentación de contidos redundante que fai máis doado atopar o que se precise.

A nova web funciona en pantallas de computador, nas dos móbiles e na doutros dispositivos electrónicos. Para desenvolvela optamos polo sistema tecnolóxico máis moderno e versátil do mercado sempre partindo de ferramentas de código aberto.

Os cambios no diario universitario, o DUVI, na axenda, na política de redes sociais e na reutilización de informacións doutras fontes permítennos dirixirnos con potencia tanto aos públicos externos como internos. Cremos que a nova proposta axudará a que se nos coñeza mellor e a consolidarnos como unha comunidade informada e orgullosa do que somos e facemos.

Dicimos máis arriba que sendo un fito importante, o novo portal non é máis que un chanzo máis. O reto non consiste en facer unha nova web. É cambiar os sistemas de traballo, as mentalidades e, loxicamente, crear as ferramentas e fluxos que permitan transformarnos con éxito. Isto é o rendible, o sostible, o que ten futuro. 

Para continuar avanzando na web precisamos da túa axuda

Dicimos en parágrafos anteriores que este é un proxecto coral. A rede de editores e editoras é tan ampla que non imos facer unha lista detallada. PAS, PDI e persoal externo, máis de 40 persoas en total, traballaron para chegar a esta primeira fase da publicación do Portal. Queremos que agradecer publicamente o seu esforzo –moitas veces máis aló do horario laboral– e o alto nivel acadado no traballo realizado. Ti tamén podes axudar nesta nova época.

Polo momento algunhas partes da web actual non estarán dispoñibles e activas no novo portal. Por iso, e só durante un tempo, coexistirán a web antiga e a nova, especialmente cando haxa algo dunha certa importancia que por cuestións técnicas aínda non puido ser migrado. Nestes casos fixemos que as páxinas remitan á localización anterior, de xeito que en ningún momento falte nada esencial.

A enorme cantidade de información e a complexidade da solución pode  facer que haxa algún mal funcionamento ou dificultades para atopar algo. Por iso solicitamos a túa comprensión e axuda, avisando de calquera eiva ou erro que atopes.

Axúdanos a mellorar!

Avísanos de erros, datos incompletos, falta de información, problemas de navegación ou calquera outra cuestión que axude a conseguir unha mellor web e a contar cuns contidos máis completos e útiles.

BÓTANOS UNHA MAN

 

Máis información en Conectamos