Días Mundiais do Medio Ambiente e dos Océanos

Pescadores de plásticos

Unidade de Cultura Científica e da Innovación

UVigo - Comunicación / Universidade 04/06/2019

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora hoxe, e o Día Mundial dos Océanos, que se celebra o vindeiro sábado, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) quere afondar nunha realidade preocupante para a nosa contorna: o deterioro da saúde dos nosos mares por culpa dos plásticos.

Por iso, presentamos o vídeo Pescadores de plásticos, no que o director do grupo ECOTOX da Universidade de Vigo, Ricardo Beiras, nos explica a implicación da nosa universidade na loita contra este problema a través do proxecto de investigación RepescaPlas. O equipo de investigación traballa nesta cuestión en colaboración con AIMPLAS (Instituto Tecnológico del Plástico de Valencia), a Fundación Global Nature, a Asociación Vertidos Cero e as confrarías de pescadores de Gandía, Marín e Vigo. O seu principal obxectivo é afondar no coñecemento sobre estes residuos e reducir o seu impacto.
 

 

A divulgación deste vídeo está enmarcada no compromiso da Universidade de Vigo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Este plan de acción global establece a decisión de protexer o planeta contra a degradación, mediante o consumo e a produción sustentables, a xestión sustentable dos seus recursos naturais e a posta en marcha de medidas urxentes para facerlle fronte ao cambio climático. A Axenda 2030 busca avanzar na prosperidade, na xustiza e na paz universal a través de 17 obxectivos, os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Concretamente, esta acción divulgativa vincúlase cos ODS Vida submariña (14) e a Vida dos ecosistemas terrestres (15).

En particular, co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14 (ODS14) perséguese conservar e utilizar de forma sustentable os océanos, os mares e os recursos mariños. Pola súa banda, o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 15 (ODS 15) pretende xestionar de forma sustentable os bosques, loitar contra a desertización, deter a degradación das terras e a perda de biodiversidade.

A peza audiovisual está dispoñible nos perfís en redes sociais da UCC+i (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter) e animámosvos a compartilo para lograr a súa máxima difusión. 
 

Máis información:

Unidade de Cultura Científica e da Innovación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 263
ucc@uvigo.es