Bibliotecas en Igualdade

UVigo - Biblioteca 29/07/2021

O pasado 20 de xullo de 2020, a Universidade de Vigo adheriuse ao Manifesto Bibliotecas en Igualdade, unha iniciativa promovida pola asociación para a igualdade de xénero na cultura, Clásicas y Modernas.

Entre os compromisos asumidos pola Universidade de Vigo coa adhesión a este manifesto está tratar de activar nas súas bibliotecas unha mirada crítica con perspectiva de igualdade. Así, daráselle unha maior visibilidade ás escritoras e ás súas obras, e demandarase que os fondos bibliográficos emenden, en formato libro ou dixital, os baleiros e as ausencias de obra literaria e intelectual escrita por mulleres de todos os tempos. Outro dos compromisos é elaboración dun catálogo dixital, así como a incorporación ás bibliotecas das publicacións de estudos e de investigacións sobre as achegas das mulleres á cultura ao longo da historia. Tamén se promoverá a adquisición de obras de lectura e de consulta procurando equilibrio na autoría para emendar o esquecemento e facilitar o acceso ás novidades asinadas por homes e mulleres e tratarase de potenciar a cooperación e a creación de alianzas entre bibliotecas e outros axentes implicados para a optimización dunha nova perspectiva que acabe coa fenda de xénero.

Entre as medidas concretas acordadas está a integración do criterio de igualdade home/muller e a constitución dos equipos técnicos, administrativos e de coordinación bibliotecaria e a aplicación da igualdade de acceso para os postos de responsabilidade tanto a mulleres como a homes. Tamén se velará para acadar a paridade nos consellos bibliotecarios, nos xurados dos concursos, nos comités de selección de libros en calquera soporte, nas compras e nos repositorios das bibliotecas. Do mesmo xeito, promoveranse accións para darlles visibilidade ás obras escritas por mulleres, detectando a asimetría de xénero na autoría de fondos bibliotecarios e promovendo o equilibrio nas propostas de ciclos, diálogos ou charlas e de encontros sobre obras escritas por mulleres e por homes.