Nova plataforma de xestión para a biblioteca universitaria

UVigo - Biblioteca 23/11/2022

A Biblioteca da Universidade de Vigo, xunto coas bibliotecas das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña e o CISUG, está a implantar unha nova plataforma de xestión bibliotecaria para substituír o sistema Millennium posto en marcha hai vinte anos.  A nova plataforma é un sistema informático de nova xeración que entrará en servizo a mediados do vindeiro mes de decembro e reúne, por unha banda, un novo sistema de xestión bibliotecaria denominado Alma, e, por outra, a ferramenta de descubrimento Primo VE que serve de interface de usuario e substitúe o antigo catálogo bibliotecario en liña.  

Primo VE é unha potente ferramenta de busca e descubrimento que, aínda que herda o nome Perseo que xa tiña o catálogo da Biblioteca, incorpora formas máis intuitivas e integradas de buscar nos recursos de información impresos e dixitais que a Biblioteca pon á disposición do seu público.  Do mesmo xeito, engade novas funcionalidades que melloran a experiencia dos usuarios e usuarias coa biblioteca.

Por mor dos traballos de posta en marcha da plataforma, nas vindeiras semanas produciranse probas e interrupcións do servizo que, na medida do posible, se anunciarán con antelación. Solicitamos a colaboración e a comprensión dos membros da comunidade universitaria e do resto de persoas usuarias que se poidan ver afectadas por estas incidencias.
 

Biblioteca Universitaria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo