Novo acordo transformativo coa editorial Royal Society of Chemistry (RSC) para publicar en acceso aberto
A Biblioteca informa que a Universidade de Vigo a través do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG) e a CRUE participa nun novo acordo transformativo coa editorial RSC (Royal Society of Chemistry).
Con este acordo as tres universidades galegas disporán de acceso de lectura a todas as revistas científicas no catálogo da editorial RSC, ao tempo que habilita a publicación en acceso aberto sen custo adicional en todas as revistas híbridas e as gold OA: RSC Chemical Biology, Materials Advances, Nanoscale Advances e RSC Advances. Cando remate o fondo, aplicarase un 15% de desconto nas APC.
O acordo estende a súa vixencia aos artigos aceptados para a publicación desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro de 2025.
Para beneficiarse do desconto do 100 % ou do 15% nos APC:
- Autor ou autora da correspondencia (corresponding author) deberá ser membro da Universidade de Vigo e identificarse como tal mediante o seu correo institucional.
- Cómpre ter un artigo aceptado para a súa publicación entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025.
As persoas beneficiarias comprométense a:
- Facer constar no artigo a filiación normalizada segundo o Protocolo de normalización da filiación institucional da Universidade de Vigo.
- Incluír nos agradecementos unha mención ao financiamento recibido pola Universidade de Vigo e polo CISUG.
- Depositar a versión publicada do artigo no repositorio institucional Investigo para incrementar a súa visibilidade e garantir á súa preservación a longo prazo.
Máis información nas guías:
- Publicar en acceso aberto en Royal Society of Chemistry
- Acordos editoriais para publicar en acceso aberto
A Biblioteca Universitaria encargarase de xestionar as solicitudes e ofrecerá soporte e asesoramento sobre o procedemento que seguir.
As consultas pódense realizar por correo electrónico a través do enderezo accesoabertoacordos@uvigo.gal