Semana do Acceso Aberto 2021

UVigo - Biblioteca 19/10/2021

A Semana Internacional do Acceso Aberto terá lugar do 25 ao 31 de outubro 2021 co lema «Importa como abrimos o coñecemento: construíndo a equidade estrutural». 

Desde a nosa universidade apostamos polo acceso aberto coma unha fórmula para garantir o acceso libre e igualitario ao coñecemento científico, tal e como se recolle na Política institucional de acceso aberto á produción científica da Universidade de Vigo  e no Plan estratéxico 2021-2026.

Un ano máis, unímonos a esta celebración con varias actividades dirixidas a toda a comunidade universitaria e programadas pola Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación.


Actividades

Dentro da programación da Semana do Acceso Aberto, a Biblioteca Universitaria  organiza un seminario web a través de Campus Remoto e obradoiros presenciais nos tres campus, en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e no marco da estratexia de persoal investigador (HRS4R),


Seminario web: Escalada cara aos datos de investigación en aberto

Data: 28 de outubro, de 11:00 a 12:00 h.

Resumo: que entendemos por datos de investigación? Que significa compartir datos? Como facelo? Que significa ser fair? Como xestionar os meus datos para cumprir cos principios fair? Como despexar os mitos que alimentan as reticencias para compartir os datos de investigación? Que políticas institucionais, gobernamentais ou de axencias  financiadoras puxéronse en marcha para compartir e abrir os datos de investigación?  Estas e algunhas outras cuestións acerca dos datos de investigación nun contexto de ciencia aberta (open science) serán as que se abordarán ao longo desta charla/seminario. 

Relatora: Remedios Melero é doutora en ciencias químicas e investigadora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Desde 2004 a súa carreira está orientada cara á investigación en acceso aberto: políticas de acceso aberto, repositorios institucionais, dereitos de autor, publicación electrónica e intercambio de datos de investigación. Forma parte do grupo de investigación Acceso abierto a la Ciencia e da rede Maredata (Red Española sobre Datos de Investigación en Abierto). Foi socia nos proxectos europeos: NECOBELAC (2009-2012), FOSTER (Facilitate Open Science Training for European Research, 2014-2016) e FOSTER Plus (2017-2019). Desde 2005 participa en proxectos nacionais relacionados co acceso aberto en España e actualmente traballa no proxecto «Acceso aberto á ciencia en España: Avaliación do seu impacto no sistema de comunicación científica». 

Dirixido a: persoal investigador e calquera persoa interesada nestas temáticas.

Participación: realizarase a través de Campus Remoto (UVigoTV-Sala 1). O acceso é libre ata completar a capacidade e non require clave de acceso do estudantado. Unha vez acadado o límite de 150 persoas, o sistema denegará o acceso. Instrucións de acceso.

 

Obradoiro: Pensa en verde! como depositar os teus traballos no repositorio Investigo

Resumo: publicar en acceso aberto converteuse nun dos requirimentos da maioría dos organismos públicos de financiamento da investigación. Este obradoiro quere familiarizar o persoal investigador da UVigo coa vía verde, coñecida tamén como vía de autoarquivo, que consiste en depositar nun repositorio de acceso aberto os traballos previamente publicados.  Explicaranse na práctica os pasos para depositar traballos no repositorio institucional Investigo e as vantaxes que isto supón para compartir e visibilizar a produción científica ao tempo que se cumpre coas políticas e cos mandatos de acceso aberto. 

Impartido por: Carmen Barros, responsable do repositorio institucional Investigo da Universidade de Vigo. Licenciada en Documentación pola Universidade da Coruña.

Dirixido a: persoal docente e investigador e alumnado de doutoramento da UVigo.

Datas e horarios:

26 de outubro, de 10.00 a 11.30 h, no edificio Miralles, campus de Vigo
27 de outubro, de 10.00 a 11.30 h, na sala de formación da Biblioteca Rosalía de Castro, campus de Ourense
29 de outubro, de 10.00 a 11.30 h, na Facultade de Fisioterapia, campus de Pontevedra

A inscrición realizarase por correo-e a referencia@uvigo.gal co asunto: «inscrición obradoiro Investigo (con indicación do campus)». 

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. 

As persoas asistentes recibirán un certificado emitido pola Biblioteca Universitaria.

Máis información

 


Recursos sobre o acceso aberto


Guías sobre acceso aberto


Redes sociais

Podes seguir a Biblioteca Universitaria nos seus perfís de Instagram e de Twitter cos cancelos #SemanadoAccesoAbertoUVigo #OpenAccessWeek #OAWeek


Novas relacionadas

 

Máis información:
 
Biblioteca Universitaria 
Sección de Soporte á Aprendizaxe e á Investigación
Biblioteca Central
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 843
referencia@uvigo.gal